San Sadurniño adxudica por 60.000 euros as obras de urbanización do contorno do Pazo da Marquesa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A mesa de contratación do procedemento negociado para as obras de acondicionamento de espazos exteriores dos arredores do Pazo da Marquesa reuniuse este luns para abrir as propostas achegadas polas catro empresas que optaban a facerse cos traballos, orzamentados en case 62.000 euros. Tras analisar as ofertas económicas e os prazos, a mesa propuxo adxudicarlle as obras a Construcciones Guerreiro Somozas S.L. por importe de 60.055,66 euros -ive incluído- e un prazo de execución de dous meses. Trátase dunha adxudicación provisional, posto que antes de asinar o contrato a empresa deberá presentar os xustificantes de estar ao día nas súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social, ademais de constituír a garantía económica esixida nas bases do procedemento.

A mesa valorou outras tres propostas técnicas e económicas, presentadas por Excavaciones Saavedra y López S.L, por Areco S.L. e por Gonnaba Construcciones y Reformas S.L.. No referido ao prezo houbo diferenzas salientables: Saavedra y López rebaixaba o prezo inicial en 476 euros, Gonnaba en 805 e Areco non propuxo ningunha baixa, senón que optaba ás obras polo prezo de licitación: 61.976,95 euros ive incluído. Neste sentido a máis vantaxosa foi a de Guerreiro Somozas S.L., que presentou unha oferta de 60.055,66 euros, é dicir, 1.921,29 euros por debaixo da cantidade que figuraba no prego.

Nos tempos de execución tamén había variacións reseñables. Areco S.L. propuña executar os traballos en 35 días, Gonnaba Construcciones y Reformas S.L. en mes e medio e tanto Guerreiro como Saavedra y López presentaron proxectos para facer o traballo no prazo de dous meses.

En base aos informes técnicos e ao prezo, a mesa formulou a proposta de adxudicación en favor da construtora das Somozas por considerala “a máis vantaxosa en conxunto, ademais de ser a máis favorable desde o punto de vista económico”.

Un aparcadoiro e o adecentamento de toda a zona

As obras adxudicadas provisionalmente polo Concello prevén varias actuacións encamiñadas a mellorar a accesibilidade e o aspecto do espazo común que rodea o Pazo da Marquesa e o edificio anexo. A solución técnica recolle a construción dun aparcadoiro na zona leste do antigo colexio das monxas lindando coa estrada de Ortigueira e coa de Ferreira. Os planos reflicten unha área de estacionamento con capacidade para 35 vehículos que daría servizo aos dous edificios públicos ao tempo que axudaría a desconxestionar as beiravías do centro urbano.

A segunda grande parte do proxecto céntrase na urbanización do perímetro do edificio anexo e máis do pazo. As partes comúns de acceso irán enlousadas, mentres que a parte traseira da zona nova levará unha área vexetal que sirva de conexión cos xardíns do Pazo, recuperando así todo o contorno inmediato da futura casa consistorial que se viu afectado por meses de traballos nos dous edificios. De feito, a urbanización suporá na práctica o remate das intervencións exteriores en todo o conxunto arquitectónico.

O Concello pretende sufragar o custe das obras -alomenos en parte- con cargo ás axudas autonómicas para a mellora de infraestruturas públicas. Neste sentido, unha representación do equipo de goberno reuniuse a comezos de febreiro co Director Xeral de Administración local para obter o compromiso económico da Xunta no desenvolvemento das obras. 

5 de marzo de 2014 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.