Sabela López cae na segunda rolda do Mundial Junior
Sabela López (Patiño Moaña) caeu na segunda rolda do décimo Campionato do Mundo Júnior, que se está a celebrar en China Taipei. Foi a primeira en participar das tres galegas que están presentes no Mundial, no que participan case 800 deportistas de todo o mundo.
Sabela López (peso pesado) comezou o seu percorrido en primeira rolda contra a filipina Marie Salazar e foi moi superior proclamándose gañadora por un rotundo 5-0. No segundo combate esperaba a croata Melani Adamic Golic e foi un combate moi axustado e duro que finalmente se decidiu por so un punto (1-2) a favor da croata. Así rematou a participación da deportista do Patiño no Mundial.
Para acceder a el, Sabela gañara o campionato de España da categoría e posteriormente confirmou a súa presenza tras superar a Isabel Auxiliadora Bueno (Andalucía) nunha preselección por un claro 3-0. Esta foi a segunda cita internacional de Sabela, que o pasado ano disputou o Campionato de Europa júnior en Portugal.
Mañá 24 de marzo será o momento de Ruth Tilve (-44), no seu debut internacional, e comezará a competición fronte a brasileira Danielle Oliveira. No peso da viguesa competirán un total de 36 competidoras.
A terceira representante galega no Mundial será Laura Dosil (-59), que debutará no Mundial o día 25 de marzo contra a francesa Elodie Zahlan. Dosil, a pesar da súa xuventude, xa competiu a nivel internacional, coma no Europeo de Clubs fronte ao Natural Sport Riveira.











