Rey Varela e AJE presentan os II Premios Ferrolterra Emprende Xove

Presentación premios Ferrolterra Emprende Xove
O Concello de Ferrol e a Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) convocan a segunda edición dos Premios Ferrolterra Emprende Xove, que ten por obxecto fomentar e impulsar o espírito emprendedor. O alcalde da cidade, Jose Manuel Rey Varela, acompañado do presidente de AJE, Cristóbal Gomez Dobarro, presentou hoxe no Salón de Recepcións da Casa Consistorial a nova convocatoria deste certame que busca a súa consolidación.
Rey Varela destacou que “o coñecemento, a innovación, as gañas de crecer e a vontade emprendedora son o mellor capital que se pode ter para sentar as bases do crecemento e o desenvolvemento”, de aí que dende a Administración municipal “nos sumáramos e apoiáramos dende o momento a esta iniciativa da Asociación de Jóvenes Empresarios” , manifestou. Neste sentido, o primeiro edil da cidade sinalou que “sempre é necesario, e máis nos tempos actuais, fomentar e dignificar a cultura emprendedora, que é ademais unha fonte de riqueza, desenvolvemento e emprego”. Ademais, o rexedor ferrolá declarou que este certame “encaixa á perfección na política activa que estamos a facer dende o Concello a prol de fomentar a creación e o talento da mocidade e que se pon de manifesto en programas pioneiros como Lidera Ferrol”. “A mocidade é o presente e futuro desta cidade”, apuntou Rey Varela, “e certámenes como o que organiza esta agrupación de empresarios axudan a que a mocidade dea un paso ao fronte demandando o protagonismo que merecen e deben ter, neste caso no ámbito empresarial”, concluíu.
Pola súa banda, o responsable de AJE explicou as características do certame, que vai dirixido a estudantes de 3º e 4º da Educación Secundaria Obligatoria (ESO) que cursen a asignatura de Obradoiro de Iniciativa Empresarial; alumnado de Bachalerato e dos ciclos medios e superiores de Formación Profesional (FP) e a universitarios que cursen estudos de primeiro ou segundo ciclo ou grado na Universidade da Coruña no campus de Ferrol. No que atinxe aos proxectos, deberán presentarse en soporte dixital –tal que CD, USB ou correo electrónico- e poderán elaborarse individualmente ou en grupos dun máximo de tres estudantes. Non se poderá presentar máis dun proxecto por persona e non se admitirán traballos que xa foran premiados noutros concursos.
Premios e prazos
A segunda edición de Ferrolterra Emprende Xove establece tres categorías de recoñecementos: Premio á Mellor Idea Emprendedora de estudantes de ESO; Premio á Mellor Idea Emprendedora de estudantes de Bachalerato e ciclo medio de FP, e Premio ao Mellor Proxecto Empresarial de alumnos de ciclo superior de FP e universitarios. O premio será unha tablet para cada un dos gañadores ou componentes do equipo gañador. O grado de orixinalidade e creatividade, a viabilidade, a xeración de emprego ou a implicación no entorno socio – económico serán os criterios que terá en conta o xurado para determinar os proxectos vencedores.ç
O prazo de presentación das candidaturas está aberto até o vindeiro día 4 de abril de 2014 (inclusive). Os proxectos deben presentarse no local de AJE, situado no Cantón de Molíns 8-9 entrechán, ou ben na seguinte dirección de enderezo electrónico: aje@cofernet.com. A presentación dos proxectos desenvolverase do 7 ao 13 de abril e a Gala de Entrega dos Premios celebrarase no Salón de Actos do Vicerrectorado do Campus Universitario de Esteiro o 25 de abril de 2014. Na primeira edición de Ferrolterra Emprende Xove competiron un total de 40 proxectos, cifra que a organización confía en superar este ano.











