Reunión da Comisión de Urbanismo de Carballo para falar da elaboración dun Plan director de actuación no centro carballés
A Casa do Concello vén de acoller unha xuntanza especial da Comisión de Urbanismo para falar da elaboración dun Plan director de actuación no centro carballés. A comisión constituíuse a raíz dunha moción presentada por TEGA no pasado pleno ordinario do mes de febreiro, e na que se solicitaba que os proxectos e obras que se realicen arredor da Praza do Concello conten co acordo tanto de todos grupos políticos da corporación como das organizacións e asociacións da vila. O principal punto de debate ao longo da xuntanza foi unha vez máis a proposta para a creación dun aparcamento soterrado na Praza do Concello. Durante a reunión, rexeitouse a petición do PP de realizar un estudo de viabilidade, mais saíu adiante a petición formulada por TEGA de que a Oficina Técnica realice un debuxo perimetral no que re reflictan as posibles dimensións do parking. Polo momento non se ten fixado ningunha data para realizar futuras xuntanzas. Nesta, que durou máis de hora e media, estiveron presentes o Alcalde, Evencio Ferrero; a Concelleira de Urbanismo, Milagros Lantes; o Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo; o Concelleiro de Obras, Luís Lamas; os concelleiros do PP Juan Carlos Castro e Ramón Antelo; o concelleiro de TEGA Manuel Andrade; e o concelleiro do PSOE José Antonio Viña. Así mesmo estivo presente o Arquitecto Municipal, Alfredo Garrote, e outros membros da Oficina Técnica así como o Secretario do Concello e a Interventora.











