Retómanse as obras urbanas proxectadas no centro e nos barrios da cidade
A chegada do bo tempo permitiu hoxe retomar ou iniciar distintas obras que tiveron que ser suspendidas nas últimas semanas pola constante chuvia (ou temporais). Na Alameda, no Gafos, en Montero Ríos, … son algúns dos puntos nos que hoxe se retomaron os traballos pendentes, nalgúns casos, dende o mes de xaneiro.
Na Alameda retomouse o axardinamento da praza de España, que poderá rematar nos vindeiros días se o tempo se mantén así de bo. Tamén se realizan traballos de emerxencia -de reparación- na senda do Gafos, que aínda que non se pararan totalmente nestas últimas semanas, si se estaban facendo paseniñamente.
Esta mesma mañá comezaron labores de reparación na avenida de Montero Ríos, dado que o enlousado viuse sensiblemente danado neste inverno.
Na vindeira semana os labores estenderanse a outras zonas da cidade. Traballarase no enlousado da rúa Ferreiros, no paso de peóns de Paseo de Colón, diante do Arquivo Histórico. Faranse distintas pavimentacións no barrio de Campolongo…
Ademais realizaranse distintos pintados de rúas que quedaron pendentes (ou están pendente de rematar) nestes últimos meses, o máis significativo será o cruzamento das rúas Benito Corbal con Daniel de la Sota.











