Regenasa creará uns 20 novos postos de traballo para desempregados de Mos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMos
A-
A+

Esta mañá celebrouse no salón de sesións do Concello de Mos a sinatura dun convenio de colaboración entre a Comunidade de Montes de Torroso e Regenasa (filial de Panelfa), polo cal esta última empresa, adicada á carpinteiría naval (o 95% do total da súa producción vai destinado á industria naval), pasa a ocupar unhas instalacións titularidade dos 270 comuneiros da parroquia de Torroso.

O acto de sinatura realizouse entre Camilo Grandal, presidente da Comunidade de Montes, e o presidente e administrador xeral de Regenasa, Salvador González Rodríguez. Estiveron presentes tamén a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; e o concelleiro de Vías e Obras mosense, Alberto Méndez, natural da parroquia de Torroso.

Mediante a sinatura deste convenio establécese unha relación contractual entre ambas entidades, pola cal a Comunidade de Montes de Torroso cédelle por un período de 30 anos (que é o tempo máximo autorizado pola lexislación vixente) ó grupo Regenasa unha parcela de 13.000 metros cadrados máis as intalacións que nela se atopan, consistentes na antiga nave de Granitos Ibéricos, cunha superficie total de 2.800 metros cadrados.

A empresa Regenasa, coas súas dependencias actualmente situadas en Vigo, comezará agora, tras a sinatura deste convenio, os traballos de reconstrucción e adaptación da citada nave, que se calcula estará lista para o traslado de cara a finais do presente ano 2014 e cuxa obra de restauración contará cunha inversión dun millón de euros.

O compromiso de Regenasa respecto da plantilla que pasará traballar nas instalacións de Mos é que estea integrada por actuais empregados da empresa en Vigo e por unha ampliación da mesma formada por novos traballadores que se contratarán entre as persoas en situación desemprego do Concello de Mos.

Durante a sinatura a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, declarou sentirse orgullosa e satisfeita de que Regenasa pase a ocupar a antiga nave de Granitos Ibéricos, que se atopa nuncha situación ruinosa e moi precaria. Ademais a rexedora local manifestou a súa ledicia ante o feito de que con esta sexan dúas as empresas do grupo Regenasa asentadas en Mos, xa que Panelfa atópase tamén ocupando unha parcela de titularidade municipal. Por outra banda Arévalo agradeceu tamén o compromiso para co municipio mosense dos comuneiros da Comunidade de Montes de Torroso, “sempre sensibilizados e entregados ó ben común dos veciños e veciñas de Mos”, dixo.

Ademais a alcaldesa valorou moi positivamente o volume e crecemento empresariais do municipio mosense, que se consolida como o cuarto da provincia en canto a tecido industrial e que nos últimos catro anos non parou de crecer neste ámbito pese á complicada situación económica xeralizada para tódolos concellos da área metropolitana de Vigo. Neste sentido Arévalo lembrou as aperturas de novas empresas en Mos: as asentadas no Parque Empresarial Mos-Veigadaña, as grandes superficies comerciais en Amieirolongo-Sanguiñeda (AKI e Mercadona), a ocupación por parte de Panelfa dunha parcela municipal, a ampliación das instalacións de Redcom na Avenida de Peinador e agora Regenasa tamén nesa mesma Avenida, entre outras.

Pola súa banda o presidente da Comunidade de Montes de Torroso, Camilo Grandal, destacou que “os comuneiros levamos cinco anos tratando de resolver a situación desta nave e agora, gracias á importante colaboración do Concello de Mos e, por suposto, de Regenasa, a solución é por fin un feito. Onte na Asamblea da Comunidade de Montes aprobamos este convenio por ampla maioría e hoxe é un día de enorme satisfacción para a parroquia de Torroso”.

Por último, Salvador González, presidente de Regenasa agradeceu tamén a colaboración neste proxecto común da Comunidade de Montes de Torroso e do Concello de Mos, e destacou a moito mellor ubicación coa que vai a contar a empresa en Mos respecto das actuais intalacións en Vigo; aínda que a pesar de todo estas últimas se manterán xa que Regenasa precisa de gran volume de espazo adicado a almacén.

“En Mos gozaremos dunha ubicación estratéxica, boas comunicacións e proximidade ó aeroporto para o transporte de mercadorías por aire; algo moi importante para nós que adicamos o 48% da nosa producción á exportación. Ademais duns accesos óptimos, xa que a nosa situación nese sentido en Vigo é tercermundista”. E é que Regenasa conta cunha facturación anual de 15 millóns de euros, adicando o mencionado 48% á exportación, da cal entre o 24 e o 25% vai para México, entre o 15 e o 16% para Brasil e o resto para Alemaña e Estados Unidos.

E a intención do grupo Regenasa, fundado en Vigo fai 35 anos, é a de seguir medrando, oportunidade que lle brindan as novas instalacións en Mos. Actualmente a empresa aposta polo crecemento e por chegar a ser máis competitiva en Europa.

Actualmente Regenasa nas súas instalacións de Vigo (en Punta Lagoa-Teis) conta con 135 empregados dos que 40 pasarán a traballar en Mos. A plantilla de Mos estará formada por entre 58 e 60 persoas, polo que a empresa terá que contratar a 20 traballadores máis que serán persoas en paro mosenses. E é que o grupo Regenasa xa ven apostando pola contratación de persoal local, no caso de Panelfa, dos seus 28 traballadores en total, 11 son habitantes do Concello de Mos. Unha vez asentada Regenasa en Mos, o grupo contará no municipio –entre Panelfa e Regenasa- cun total de case 90 traballadores.

10 de marzo de 2014 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.