Recoñecemento ao esforzo e sacrificio na gala dos Premios do Deporte Galego

Feijóo xunto aos premiados nos galardóns do Deporte Galego
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, expresou hoxe durante a entrega dos Premios do Deporte Galego o recoñecemento de Galicia a quen “a base de esforzo e sacrificio, contribúe a construír un país mellor a través do deporte”.
Feijóo agradeceu así o servizo que prestan, como referentes no interior e como exemplos da marca Galicia no exterior, os éxitos deportivos que asinan persoas como Beatriz Gómez Cortes, Susana Rodríguez Gacio, Javier Gómez Noya, Maxi Rodríguez ou María Vilas Vidal e equipos como o Club Deportivo Burela Fútbol Sala; o Club de Baloncesto Obradoiro ou a Selección Nacional de tenis júnior da que forman parte Martín de la Puente, Félix García e Lorenzo Hernández. E valorou tamén “o imprescindible labor que desempeñan con tino pero, case sempre sen aplauso”, adestradores como Carlos Gil e árbitros e xuíces como Miguel Vicente Mariño”.
Durante a súa intervención, o titular do Goberno galego subliñou que Galicia precisa de entidades e persoas como os premiados, involucrados desde as súas respectivas disciplinas, na misión colectiva de proxectar Galicia no mundo. “E necesitámolos, tamén como exemplos de mocidade saudable, de coraxe e de entrega, de compañeirismo e do xogo limpo. Da súa man resulta máis doado trasladar a mensaxe de que non existen para as nosas metas máis límites que os que nós queiramos fixar”, engadiu.
Non obstante, aseverou que a nosa ambición require da participación de todos. “E, por esa razón –dixo-, estes premios recoñecen tamén o labor dos colectivos que se ocupan de promover o deporte desde a base, como fai con tanta dedicación, a Agrupación Deportiva Seis do Nadal; dos medios de comunicación que buscan o deporte alí onde se dá e o achegan a nós, como fai, con tanto empeño e entusiasmo, a Radio Galega; dos eventos que converten cada ano durante uns días Galicia en capital dunha modalidade deportiva, como fai o Trofeo Miguelito co judo; e das empresas que poñen o seu nome e os seus recursos para facer da práctica deportiva e dos equipos locais un emblema do seu concello, como fai Frigoríficos del Morrazo en Cangas”.
O deporte, un obxectivo de país
Logo de lembrar que a principal misión dos Gobernos consiste en garantir o benestar presente e futuro dos cidadáns; Feijóo subliñou que o Goberno galego está convencido de que o deporte é unha fórmula axeitada para conseguilo, “e por iso situamos o exercicio físico no epicentro dunha estratexia transversal que procura a adopción por parte de todos os galegos, de hábitos de vida beneficiosos para a saúde”.
Nesta liña, Feijóo referiuse ao Plan Galicia Saudable ou o Plan Xérmola para loitar contra a obesidade infantil como dous exemplos; e destacou ademais que os Premios do Deporte Galego queren recoñecer tamén o esforzo dos que decidiron ser cómplices nesa tarefa, outorgando as distincións Galicia Saudable a quen o fai desde o ámbito público, como o Concello do Porriño; desde o ámbito privado, como a Fundación USC Deportiva; e desde o eido educativo, como o CPI de Pontecesures.
“Coa súa axuda e entre todos, conseguimos xa que o deporte sexa unha parte máis da lista de rutinas de gran parte de galegos. Entre todos fixémolo accesible, e hoxe é posible practicar exercicio físico en tan boas condicións nos pobos como nas vilas e nas cidades. Convertémolo nun hábito para todas as etapas da vida, desde a infancia ata a terceira idade. Conseguimos eliminar gran parte das barreiras que o afastaban das persoas con discapacidade e conseguimos, en definitiva, facer do deporte unha posibilidade ao alcance de calquera”, sentenciou.
A pesar de todo o avanzado, Feijóo referiuse ao deporte como un obxectivo de país e avogou por interpretar o futuro como un novo desafío: o de conseguir que todos queiran, de espertar en cada galego a ansia de moverse e de abrir co deporte a porta a unha vida máis saudable. “A suma de moitas vidas mellores será igual a unha sociedade mellor”, aseverou.











