Protección Civil de Cambre conta cun novo vehículo especial para atender as emerxencias

Novo vehículo de Protección Civil de Cambre
O Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil de Cambre conta desde esta semana cun novo vehículo especial preparado para atender as emerxencias derivadas dun accidente de tráfico. En concreto, o furgón leva ferramenta especialmente destinada á excarceración de persoas ou extinción de incendios de coches. Segundo os responsables de Protección Civil, o vehículo pode cargar case unha tonelada de auga e material pesado para cortar ou eliminar a carrozaría e os elementos que impidan a evacuación dos condutores dos seus vehículos en caso de accidente.
O furgón xa fora decepcionado hai varios anos tras unha doazón da Deputación, pero non estaba preparado para ser utilizado neste caso de sucesos. Agora, tras un investimento de case 8.000 euros, foi carrozado e equipado para que os profesionais do Servizo de Emerxencias poidan acudir con garantías a evacuar aos feridos en accidentes de tráfico ou noutros sucesos similares. Segundo o propio alcalde, Manuel Rivas, trátase dun investimento en seguridade que pode salvar moitas vidas. “Cando se trata de salvar vidas nun accidente de tráfico non se pode escatimar en recursos, espero que non teñan que utilizalo nunca, pero por desgraza e tendo en conta a cantidade de sinistros que se dan hoxe en día nas estradas, é mellor estar preparados”, apuntou.











