Previsel 2014 incidirá na difusión da cultura preventiva no sector primario e en futuros traballadores
O comité asesor de Previsel, Salón da Prevención e Seguridade Laboral, reuniuse en Expourense para organizar un completo programa de conferencias e talleres orientados á difusión da cultura preventiva entre todos os axentes da sociedade. Esta cita celebrarase no recinto feiral ourensán os días 9 e 10 de abril. Entre os temas que destacan nesta edición, a novena xa, cabe sinalar as actividades organizadas polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, ISSGA, que incidirá no tema da prevención de accidentes no sector primario, xa que aumentou a sinistralidade en Galicia no último ano. Tamén abordarán as enfermidades profesionais derivadas dos traballos no agro. Ademais, prestarase especial atención á difusión da cultura preventiva entre o colectivo de alumnos dos distintos ciclos de Formación Profesional co obxectivo de que se insiran no ámbito laboral cunha maior sensibilidade en materia de seguridade e saúde laboral.
Como novidade, FREMAP traerá até Expourense a exposición itinerante e audiovisual “A prevención é a mellor medida”, presente por primeira vez en Galicia. Contribuirá a pór en valor uno dos obxectivos da Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2007-2012: o de desenvolver e consolidar a cultura da prevención na sociedade española. Esta mostra quere dar a entender que a integración, a avaliación dos riscos e a planificación das actividades preventivas nas empresas, son as mellores medidas que se deben levar a cabo para a redución dos accidentes laborais e as enfermidades profesionais. Estas últimas, serán tratadas tamén pola Consellería de Sanidade.
Pola súa banda, a Confederación Empresarial de Ourense, CEO, organizará un seminario baixo o título “Drogas emerxentes: drama legal” impartido polo Coordinador Nacional da área de Toxicoloxía Clínica (AETOX), Dr. Tomás Camacho. Este curso
dirixido prioritariamente a traballadores en activo: técnicos de prevención, médicos de servizos de prevención, empresarios, directivos e traballadores designados.
Dentro deste programa de conferencias e talleres, os colexios profesionais de Enxeñeiros Industriais, Enxeñeiros Técnicos Industriais e Arquitectos organizarán tamén actividades sobre os riscos nestes sectores que congregarán no salón aos membros colexiados.
Estas actividades veranse complementadas cunha área expositiva que se converte nunha boa oportunidade para os profesionais do sector de intercambiar experiencias e actualizarse no relativo ás novidades (equipos de protección, lexislación, bibliografía, etc.), pero o principal obxectivo deste salón será un ano máis fomentar a cultura da prevención entre empresarios e traballadores e dar a coñecer as últimas novidades do sector aos técnicos en prevención das empresas galegas, aos estudantes de Formación Profesional, e ao público xeral, xa que non convén esquecer que a cultura preventiva é un tema que alcanza a todos os axentes da sociedade.
O comité asesor que programa as actividades de Previsel está integrado por entidades nas que se atopan representadas entidades públicas e persoais, sindicatos e colexios profesionais. Previsel é un salón organizado por Expourense co apoio da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia e do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), un organismo autónomo integrado pola Administración Autonómica e por axentes sociais e empresariais. Forman parte ademais do comité asesor o Concello de Ourense, a Inspección de Traballo, servizos de prevención, mutuas, a Confederación Empresarial de Ourense, os sindicatos maioritarios, empresas especializadas en prevención e colexios profesionais.
Previsel celebra a súa novena edición en Expourense consolidado xa como unha cita imprescindible para todos os axentes sociais involucrados na prevención. Trátase dun proxecto que aúna os esforzos da Administración, Patronal e Sindicatos no fomento da cultura preventiva entre empresarios e traballadores.
O horario de apertura da feira será de 10 a 14.00 h. e de 16.30 a 19.30 h. o día 9 e de 10 a 14.00 h. o segundo día de feira.











