Preséntase un libro-disco que recompila a obra de José Rodríguez de Vicente, ‘Joselín’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaLocal Portada
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe na presentación do libro-disco que recompila por primeira vez a integral dos Contos Galegos de José Rodríguez de Vicente, ‘Joselín’, que constitúen ademais os primeiros documentos sonoros do teatro galego, datados entre 1929 e 1954. Trátase dun volume en cuxa edición colaboran a Consellería, o Concello de Baiona – do que o autor foi alcalde- e aCentral Folque, e que deu ademais orixe ao espectáculo ‘Os contos de Joselín’, no que Quico Cadaval, Celso Fernández Sanmartín e José Luís Gutiérrez, ‘Guti’, recrearán a obra de Rodríguez de Vicente nun percorrido por diferentes escenarios de Galicia ao longo de 2014 e 2015.

Durante a súa intervención o conselleiro salientou a importancia da recuperación desta obra “nun novo soporte que lle permita achegarse ao público contemporáneo interesado e que facilite a súa conservación como parte dunha forma tradicional de relatar a realidade”. “Vén aquí, ata nós, un xeito de transmitir anécdotas folieiras que nos permite comprendernos mellor a nós mesmos, e que cubriu pasos longos na evolución da nosa identidade”, dixo.

O conselleiro quixo agradecer a iniciativa do Concello de Baiona e aCentral Folque, “co pulo especial de Ramon Pinheiro” para a recuperación “das gravacións históricas dunha persoa de xenialidade humilde e intensa, capaz de transmitir ante o micrófono a emoción dos seráns lúdicos de convivencia, as miradas ergueitas pola retranca fraternal ou o resón das pandeiradas que se salferían co relato oral naquela Galicia da que procedemos”. No mesmo sentido, felicitou á profesora da Universidade da Coruña Laura Tato, polo estudo de investigación que acompaña e explica o significado dos contos incluídos no libro-disco; así como ao equipo do espectáculo preparado arredor deste volume. Así mesmo, salientou o labor de Alfonso Paz-Andrade como custodio da documentación conservada polo seu pai, Valentín Paz Andrade, e da familia Delgado Tapias, de onde procede unha parte moi notable da documentación recompilada.

Ademais do conselleiro, participaron na presentación o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a autora do estudo de investigación que acompaña o libro-disco; Laura Tato; e Ramon Pinheiro, da Central Folque.

Contos Galegos

‘Os contos de Joselín, primeiros documentos sonoros do teatro galego (1929-1954)’ son a primeira recompilación integral da obra de José Rodríguez de Baiona, un total de 23 contos que gravados polo autor, nunha edición que conta con abuntante material gráfico e os textos de toda a produción teatral de Joselín – vintesete contos (catro non gravados) e dúas comedias- e que se acompaña dun estudo da investigadora do teatro galego Laura Tato (Universidade da Coruña).

A edición máis extensa ata o momento, a de 1976, estaba conformada por 12 contos; e queda completada agora co traballo de Ramon Pinheiro, investigador de aCentral Folque que localizou os 23 contos gravados.

O espectáculo nacido a partires do libro-disco percorrerá Galicia da man de Quico Cadaval, Celso Fernández Sanmartín e José Luís Gutiérrez “Guti”, recreando os contos e os cantares de cego que Rodríguez de Vicente interpretou. Así mesmo, os asistentes poderán escoitar un conto na propia voz de ‘Joselín’ e ofreceranse imaxes da súa época.

27 de marzo de 2014 | 21:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.