Preséntase o primeiro Centro de Información á Muller de Ames

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesLocal Portada
A-
A+
Susana López Abella na presentación do CIM de Ames. Foto: A. Varela

Susana López Abella na presentación do CIM de Ames. Foto: A. Varela

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, acompañou esta tarde ao alcalde de Ames, Santiago Amor, nunha rolda de prensa para presentar o primeiro Centro de Información á Muller amiense e os actos do Día Internacional da Muller que se desenvolverán nesa localidade. Tamén participaron a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, e a directora do CIM, María Teresa Arufe.

O CIM de Ames está situado nas oficinas municipais do Milladoiro e ofrece asistencia xurídica e atención psicolóxica ás mulleres amienses que o precisen. Está integrado por unha asesora xurídica, que exerce de directora, e unha psicóloga, e conta coa colaboración dos profesionais dos servizos sociais de atención primaria das Unidades de Traballo Social (UTS) e coas auxiliares administrativas.

Trátase dun departamento de carácter permanente destinado a proporcionar asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional, información en materia de recursos e calquera outra información encamiñada á consecución da igualdade das mulleres.

Ademais, leva a cabo accións de difusión e sensibilización sobre a igualdade entre homes e mulleres, funciona como canle de comunicación entre as usuarias e os organismos que teñen competencias en materia de muller e dan atención específica ás mulleres vítimas da violencia de xénero, poñendo á súa disposición todos os recursos existentes.

‘Palabras para a igualdade’
Outra das cuestións que se abordaron na rolda de prensa foi a presentación do logotipo do CIM de Ames e a presentación do programa de actos que se desenvolverán con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller. O Concello de Ames ten preparada unha programación específica que se desenvolverá os días 7 e 8 de marzo. Estas actividades xiran en torno a unha instalación urbana concibida para poder ser construída, paso a paso, por todas as persoas do concello interesadas en participar nesta.
A instalación, que se denominará ‘Palabras para a igualdade’, constará de varios cubos e un panel. No panel aparece a palabra Ames que está formada por diferentes nomes de mulleres e homes. Esta instalación estará situada na praza do Concello, unha zona pola que transita diariamente unha gran cantidade de veciños e veciñas. Deste xeito, a cidadanía amiense poderá expresar nesta instalación, con palabras ou debuxos, como sente a igualdade.
O obxectivo desta iniciativa é que a cidadanía viva como propia a celebración e sinta en primeira persoa o seu protagonismo na construción en Ames dunha obra creativa común pola igualdade, que en definitiva quere simbolizar a corresponsabilidade de todas as persoas na construción dunha sociedade máis igualitaria. A acción está concibida cun criterio de alto contido visual, de xeito que poida ser obxecto de interese gráfico.

Os cubos serán apilables e manexables, co obxectivo de poder formar con eles unha construción final con carácter permanente e servir no futuro como elemento decorativo para actos -xornadas, seminarios, xuntanzas- ou instalacións municipais, por exemplo para colocar no novo CIM de Ames.

5 de marzo de 2014 | 20:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.