Preséntase en Vigo a exposición itinerante que conmemora as Letras Galegas 2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVigo
A-
A+

A Xunta de Galicia presentou esta mañá en Vigo a exposición ‘Nimbos de Luz’, coa que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria conmemora as Letras Galegas 2014. A través de 14 paneis con texto e imaxes, e un documental, a mostra afonda na figura do poeta e tradutor guitiricense Xosé María Díaz Castro, para dar a coñecer entre a cidadanía a vida e a obra do escritor ao que a Real Academia Galega (RAG) lle dedica este ano o 17 de maio.

A delegada da Xunta de Galicia en Vigo, María José Bravo Bosch; e os secretarios xerais de Política Lingüística e de Cultura, Valentín García e Anxo Lorenzo, respectivamente, acompañados polo presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e por dous dos comisarios da mostra, Luís González Tosar e Alfonso Blanco, presentaron a exposición en Vigo, onde se poderá visitar ata o 24 de marzo.

Logo do seu paso por Guitiriz, onde foi inaugurada hai un mes coincidindo co centenario do nacemento de Díaz Castro, a exposición chega á sede da delegación territorial da Xunta de Galicia en Vigo no marco das iniciativas conmemorativas das Letras Galegas 2014 dedicadas ao poeta, onde se poderá visitar de luns a venres en horario de 9 a 19 horas e os sábados de 9 a 14 horas.

‘Nimbos de luz’, comisariada por Alfonso Blanco Torrado, por Luís González Tosar e por Armando Requeixo, permite unha importante aproximación á obra do poeta, tradutor e intelectual Díaz Castro, por medio de 14 paneis temáticos. Como complemento ofrece, de xeito gratuíto, folletos ilustrativos dos paneis e a proxección do documental ‘O instante eterno’, de Xosé Antón Cascudo.

Percorrido por 15 puntos da xeografía galega

Tras o seu paso por Vigo, a mostra chegará a Pontevedra, onde a acollerá a biblioteca nodal Antonio Odriozola do 26 de marzo ao 14 de abril. O Centro Cívico da localidade coruñesa de Cerceda abrirá, do 16 de abril ao 8 de maio, a itinerancia da exposición ‘Nimbos de luz’ en concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, que incluirá como complemento e no marco da súa programación anual a xincana lingüística “Xosé María Díaz Castro na voz da xente”, destinada, en colaboración cos concellos, a alumnado de último ciclo de primaria e primeiro de secundaria.

As seguintes paradas serán a Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela (do 10 ao 26 de maio), a nova Casa das Letras da Estrada (do 28 de maio ao 11 de xuño), o Multiúsos da Xunqueira de Redondela (do 13 ao 29 de xuño), o Auditorio de Vilagarcía de Arousa (do 1 ao 30 de xullo), o Real Seminario de Santa Catalina de Mondoñedo (do 1 ao 29 de agosto), a Biblioteca Miguel González Garcés (do 2 ao 16 de setembro), a biblioteca nodal de Lugo (do 18 ao 30 de setembro), a Casa da Xuventude de Ourense (do 2 ao 16 de outubro) e a Casa da Cultura da Rúa (do 18 de outubro ao 3 de novembro).

A mostra coa que a Consellería de Cultura e Educación, a través das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, quere achegarlle á cidadanía a figura, a vida e a obra do autor ao que a Real Academia Galega lle dedica as Letras Galegas 2014 rematará a súa andaina no derradeiro mes do ano no concello ourensán de Celanova (do 16 ao 30 de decembro), logo de facer parada no concello coruñés de Cee (do 1 ao 14 de decembro).

Máis información acerca das actividades conmemorativas das Letras Galegas 2014 impulsadas pola Xunta de Galicia en cultura.xunta.es e xunta.es/linguagalega.

19 de marzo de 2014 | 13:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.