Preséntase en Oroso o club ciclista Tambre Bike co obxectivo de chegar aos 100 cativos nos próximos 2 anos

Presetnación Tambre Bike
O auditorio do centro cultural de Sigüeiro acolleu na noite de onte venres a presentación oficial do Club Ciclista Tambre Bike, que conta con vinte socios fundadores e nace co obxectivo de “facer cultura coa práctica do ciclismo, especialmente cos rapaces”, segundo explicou o seu presidente Fernando Abad. Unha proposta que foi recollida polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, quen indicou que “os inicios do Tambre Bike non poden ser mellores. Seguide así e espero que moi pronto haxa moitos veciños e veciñas de Oroso practicando este deporte e a ver se nuns dous anos podemos ter a cen nenos e nenas practicando ciclismo”.
O alcalde orosán ofreceu todo o apoio do Concello de Oroso ao novo club: “contade con nós porque, ao igual que facemos cos distintos clubs e deportes no municipio, imos apoiarvos en todo o que poidamos. Son tempos economicamente complicados, polo que non sempre podemos achegar todo o que queremos, pero podedes estar seguros de que faremos todo o que estea na nosa man porque, como adoito dicir, estou convencido de que o deporte nos fai mellores persoas”. Ademais, salientou especialmente o nome do club: “gústame moito o nome de Tambre Bike porque o Tambre significa moito para os que vivimos ás súas beiras”.
Valores do ciclismo
Ante un auditorio cheo de fans do ciclismo, Fernando Abad agradeceu a colaboración tanto do Concello de Oroso como da Federación Galega de Ciclismo no presente e futuro dun club que nace cuns obxectivos claros: difundir os valores do ciclismo. “Esforzo, sacrificio, constancia, motivación, respecto… son valores que o ciclista empresa día a día na competición e na vida”, explicou Fernando Abad.
Así mesmo, Abad tivo palabras de especial agradecemento para os patrocinadores do club: Marqués de Vizhoja, Rioja Bordón, Xtrem Energy Drink, Restaurante Mariñaos, Restaurante San Cristof 2, Asesoría Cristín, Eulogio Viñal Obras y ConstrucRestauranteciones, Instalacións Liste, Restuarante El Cortés e Muebles Rivera. Un punto que destacou Francisco Lois, vicepresidente da Federación Galega de Ciclismo, quen lles explicou que “ter patrocinadores é moi importante, pero mimalos é aínda máis”. Lois bromeou cos presentes dicindo que “non sei se serán bos, pero a percha a teñen bastante boa” e logo destacou “o labor que estades dicindo que ides facer cos rapaces, porque iso é moi importante”.
Vinte socios fundadores
O Club Ciclista Tambre Bike naceu en outubro de 2013 e onte venres presentouse cos seus 20 socios fundadores: Alberto Picón, Borja Nouche, David Suárez, Antón Ruanova (subcampión de España de Triatlón), Amancio Espiñeira (campión do open galego de mountain bike), Fernando Abad, Carlos Viqueira, Juan Cores, Marcos A. Castro, Marina González, Juan Mosquera, Ismael Vieites, Carlos Cortés, Uxío Gómez, José Manuel Uzal, José Antonio Veiga, Francisco Nieto, Juan Platas, Javier Seoane e Moncho Ramos.











