Posta en marcha de “Tomiño nas Europas” un proxecto incluído no programa Xuventude en Acción
O Concello de Tomiño pon en marcha estes días un novo programa subvencionado con fondos europeos. Trátase dunha iniciativa dirixida á mocidade que, polo mesmo, coordinarase dende a OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil).
Baixo o nome de “Tomiño nas Europas”, o proxecto, enmarcado dentro do programa “Xuventude en Acción” (Erasmus+Plus) consiste, concretamente, na creación de dous grupos de traballo. O primeiro deles terá coma finalidade deseñar un modelo de participación, para que a xente moza poida facer propostas sobre políticas de xuventude e participar na elección de actividades destinadas á mocidade.
O segundo grupo investigará sobre o traballo do Parlamento Europeo co propósito de coñecer a fondo como funciona e difundir estes coñecementos no ámbito local.
Coordinado por Hugo Lage, da Bolsa de Formadores do Erasmus+Plus, o proxecto constará tamén dun encontro, no que ambos os dous grupos se reunirán e presentarán as conclusións dos seus respectivos traballos.
Na páxina web www.tominonaseuropas.webnode.es, as persoas interesadas en participar, poden atopar máis información sobre este proxecto e programas europeos para a mocidade. Na mesma web poderán rexistrarse cubrindo unha ficha e especificar en que área ou areas lles gustaría participar.
O proxecto, presentado polo Concello de Tomiño ao programa europeo Xuventude en Acción, foi aprobado recentemente e entre os meses de marzo e xuño de 2014, a OMIX desenvolverá a iniciativa, subvencionada cun orzamento de case 6000 euros.
O Concello de Tomiño vén promovendo dende o ano 2011, proxectos internacionais a través do programa Xuventude en Acción, organizando cursos, intercambios de grupos de mozos e mozas; enviando e acollendo voluntarias/os europeas/os (SVE), e sendo unha das 8 organizacións acreditadas actualmente en Galicia.
“Con este tipo de proxectos, dende a OMIX de Tomiño se favorece a interculturalidade e o coñecemento das realidades doutros lugares de Europa, facilitando a práctica de idiomas e promovendo a participación activa da mocidade, xa que neste programa son os grupos de mozas e mozos quen deseñan as actividades a realizar”, explicou a concelleira de Mocidade, Cristina Martínez..
O proxecto “Tomiño nas Europas” está aberto a toda a mocidade de Tomiño, e un dos seus obxectivos é crear unha plataforma dixital que recolla os seus intereses co fin de sistematizar o proceso de selección de cursos e actividades que se organizan dende a OMIX. Os orzamentos participativos serán así unha realidade e, polo mesmo, dende o Concello de Tomiño se prevé que a partir do verán, un 50% dos cursos serán escollidos directamente pola mocidade.











