Pontevedra acolle este fin de semana a Nelo Winter Challenge que contará con 600 padexeiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaPontevedra
A-
A+
Presentación da Nelo Winter Challenge

Presentación da Nelo Winter Challenge

A Nelo Winter Challenge, que se disputará en Verducido o vindeiro sábado e domingo, terá un nivel deportivo “altísimo”, segundo quedou reflectido na presentación oficial que se realizou no Concello de Pontevedra. A presenza de Attila Vajda, Saúl Craviotto, Carlos Pérez Rial ‘Perucho’ ou Jevgenij Shuklin, todos eles medallistas olímpicos, outórganlle á proba a máxima categoría. Estarán presentes 600 padexeiros que representarán a once países.

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, destacou na presentación que “este evento pode ser o inicio dunha etapa de maior colaboración no futuro” e reiterou que “a competición, polo prestixio dos participantes, é unha das importantes que se disputa en Pontevedra”.

Agustín Fernández, concelleiro de deportes, indicou que “o piragüismo para Pontevedra é un deporte estratéxico e queda demostrado con esta proba”. Alfredo Bea, presidente da Federación Galega, sinalou que “sempre temos que agradecer a aposta polo piragüismo en Pontevedra e esperamos que este tipo de eventos siga para que poidan chegar outros de gran importancia, como unha Copa do Mundo”.

Manuel Ramos, presidente de Nelo, desvelou que a súa empresa posúe catro centros de adestramento en Portugal e que era a primeira vez que se organizaba unha regata destas características fóra do seu país. Reiterou que “lanzamos un desafío á federación galega e atopámonos co respaldo do Concello de Pontevedra. Estoulles agradecido”.

André Santos, CEO de Nelo, dixo que “a semana pasada xa se disputou unha proba. Agora estamos en Pontevedra, onde tamén lle damos vida a Verducido. Quizais o modelo para o futuro sexa similar a leste. O poder disputar dúas probas destas características nun curto espazo de tempo”.

A Nelo Winter Challenge comezará o sábado ao nove e media da mañá. Esta xornada terminará pola tarde. O domingo só haberá unha sesión matinal na que se disputarán todas as finais nas modalidades de C-1 e K-1 sobre as distancias de 1.000, 500 e 200 metros.

6 de marzo de 2014 | 18:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.