Ponte Caldelas conmemora o Día da Muller cunha xornada de convivencia e prevención da violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O Centro de Información á Muller (CIM), dependente do Concello de Ponte Caldelas, e a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia traerán o sábado 8 de marzo ao Centro Cultural o Programa Desconexión, especialmente dedicado a mulleres con fillos menores ao seu cargo.

Este programa consistirá nunhas xornadas de encontros lúdicos, deportivos e terapéuticos, que se celebrarán o sábado 8 de marzo a partir do dez da mañá, e no que poderán participar mulleres con fillos menores ao seu cargo. Esta actividade será gratuíta e inclúe a comida que servirá tamén para fomentar a convivencia entre os asistentes.

Os talleres e actividades que se desenvolverán ao longo de todo o día 8 de marzo virarán ao redor da prevención da violencia de xénero e estará especialmente dirixido a mulleres con fillos menores ao seu cargo. Para iso, os monitores encargados de desenvolver esta actividade fomentarán a participación dos nenos entre si con xogos de convivencia, afecto, aproveitamento do tempo libre, etc.

Tamén se prevé a convivencia e participación conxunta entre nais e fillos así como a estimulación da interacción de todos os participantes dunha maneira entretida e divertida para profundar as políticas de igualdade, eliminación de comportamentos e roles sexistas.

O CIM DE PONTE CALDELAS ATENDEU 800 CONSULTAS DURANTE O 2013

Por outra banda, o Centro de Információn á Muller (CIM), dependente do Concello de Ponte Caldelas atendeu durante o pasado ano 800 consultas de usuarias que se achegaron ás oficinas municipais para preguntar por cuestións relacionadas coa área xurídica e a atención psicolóxica.

O 51% das consultas realizadas centráronse en cuestións relativas á área xurídica, das cales o 33% tiveron que ver coas materias de dereito de familia (separación e divorcio, unións de feito ou execución de sentenzas, entre outras).

As consultas en materia de seguridade social, dereito penal e xustiza gratuíta representaron o 7, 11 e 12%, respectivamente, das preguntas atendidas polas responsables do CIM en Ponte Caldelas.

Outra das áreas máis demandadas polas usuarias do CIM é a referida á atención psicolóxica que acaparou o 45% de consultas realizadas a través deste servizo municipal de atención á muller. A maioría das cuestións expostas estiveron relacionadas cos problemas familiares e de parella.

6 de marzo de 2014 | 18:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.