Ponte Caldelas apraza a verbena e o desfile de Entroido ao venres 14 de marzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

As adversas predicións metereológicas que ameazan con converter a xornada de mañá martes nun día chuvioso e de temporal motivaron que o Concello de Ponte Caldelas decidise aprazar a verbena e o desfile de entroido, previsto para mañá martes, para o vindeiro venres día 14, ás 21:30 horas.

O Concello argumenta a súa decisión de escoller o venres 14 para a celebración do desfile na necesidade de garantir a participación das comparsas e grupos que xa estaban inscritas no concurso e que proceden de municipios próximos e que teñen xa comprometida a súa presenza en actos similares en lugares como Poio, o venres 7; Pontevedra, o sábado 8 e Marín, o mércores 12.

O desexo de contar co maior número posible de participantes e facer máis vistoso o desfile aconsellaron acomodar o día de celebración do concurso de Ponte Caldelas na data menos conflitiva posible e que facilitase ao máximo a presenza das comparsas que dan colorido e esplendor a esta celebración que alcanza xa a súa undécima edición.

Do mesmo xeito, os organizadores ampliaron até o xoves día 13, ás 14 horas, o prazo máximo para poder inscribir comparsas, grupos e persoas a título individual no concurso de disfraces que se desenvolverá durante o transcurso do desfile de entroido que partirá ás 21:30 horas da rúa José López Boullosa.

O Concello mantén para a presente edición do Entroido de Ponte Caldelas a asignación dun total de 2.370 euros destinados a premiar a orixinalidade, o colorido e o bo humor de grupos, comparsas e disfraces individuais que se inscribiron previamente nas oficinas municipais para participar no concurso.

Os premios do desfile aos que se poderán optar son os de comparsas (primeiro premio de 1.000 euros, o segundo de 500 e o terceiro de 300 euros), grupos (o primeiro levará 200 euros, o segundo 150 e o terceiro 100 euros) e en categoría individual e comparsa infantil dotados de 70 e 50 euros respectivamente nun único premio para cada un deles.

As comparsas terán un mínimo de 15 participantes e poderán estar acompañadas de carroza, valorándose que a música sexa en directo realizada con instrumentos musicais e interpretarán as súas composicións e pasacalles de entroido. Deberán tamén gardar unha unidade temática tanto no seu vestiario como na súa actuación.

En canto aos grupos que poden participar no concurso e o desfile de entroido en Ponte Caldelas deberán estar formados por un mínimo de 5 integrantes, poderán ir acompañados de carroza e terán tamén que gardar unha unidade temática.

Polo que respecta  os disfraces individuais que entren en concurso valoraráselles a súa orixinalidade e dificultade na súa elaboración así como o bo humor desenvolvido polo participante.

O desfile de comparsas e grupos que se celebra o venres 14 de marzo de entroido en Ponte Caldelas cumpre xa a súa undécima edición, consolidándose como unha cita importante para todas as comparsas, que se organiza en toda a comarca e que agora, debido á adversidade das condicións metereológicas, cambia a súa celebración para esta data.

3 de marzo de 2014 | 19:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.