Ponte Caldelas adapta a ordenanza municipal de licenzas á nova lei de emprendemento e competitividade
O Concello de Ponte Caldelas adaptará todas as súas ordenanzas e regulamentos á nova “Lei do emprendemento e a competitividade” da Xunta de Galicia que entrou en vigor en decembro de 2013.
En virtude desta lei autonómica que foi publicada no DOG o pasado 27 de decembro de 2013, suprímense con carácter xeral as licenzas de actividade ou apertura ou as licenzas de obra menor. En todos estes casos estas licenzas substitúense por comunicacións previas ou declaracións responsables que deberán presentar as persoas ou empresas que vaian realizar esas obras menores ou vaian abrir os seus establecementos para un negocio ou o exercicio de actividades. Agora ben, hai que aclarar que en todos estes casos a empresa ou acode a que vaia a abrir ou exercer esa actividade ou negocio, deberá achegar con esa declaración o correspondente proxecto ou demais documentación complementaria que requira a lei, así como pagar a correspondente taxa polas obras que teña que executar. Unha vez presentado poderá iniciar as obras e exercer a actividade correspondente, salvo que o Concello comprobe que falta algunha documentación ou que o proxecto non estea completo.
O Concello de Ponte Caldelas aprobará no próximo pleno do xoves a modificación de varias ordenanzas que regulaban a concesión desas licenzas, así como as ordenanzas fiscais que regulaban as correspondentes taxas por licenzas de obras, licenzas urbanísticas ou licenzas de apertura ou actividade, co obxectivo de adaptalas a esta nova lei. Son en total 4 ordenanzas as que se modificarán para adaptarse a esta Lei.
As taxas por obras manteranse igual e serán abonadas ao presentar a correspondente documentación, porque xa non hai que esperar á concesión de ningunha licenza. A novidade estará na taxa por licenza de actividade ou apertura de establecementos ou negocios que antes cobraba o Concello e que se correspondía cunha cantidade equivalente a unha cota anual do IAE. Agora esta cota elimínase e substitúese por unha taxa fixa de unicamente 19,85 euros, que é a mesma que se cobra para calquera trámite administrativo que requira autorización.
Con esta medida redúcese de maneira notable esta taxa, que pasa a ser case testemuñal, e que o Alcalde espera sirva tamén para facilitar o establecemento de actividades no municipio.
Unha novidade importante que leva esta lei e que esta ordenanza adapta para Ponte Caldelas, é que o establecemento de actividades que requiren declaración ambiental da Xunta ou outras autorizacións sectoriais, suporá que as propias empresas ou promotores da actividade terían que tramitar directamente ante a Consellería de Medio Ambiente con carácter previo esta autorización, e unha vez conten con ela presentarán entón xa no Concello a declaración responsable coa correspondente documentación: proxecto técnico e autorización que requira. Unha vez presentada esta documentación poderá xa iniciar as obras, no seu caso, e ao finalizalas e presentar o certificado de final de obras, iniciar xa a actividade. Antes era o Concello o que se encargaba de tramitar esas autorizacións e iso agora cambia.
Para o Alcalde “aínda que estes cambios supostamente son favorables, porque algúns concellos atrasábanse moito nestes trámites, o certo é que moitos particulares ou empresas descoñecen os trámites que terán que facer”.
Ponte Caldelas será así un dos primeiros concellos da provincia en adaptar as súas ordenanzas á nova lei, que de todos os xeitos é de obrigada aplicación desde a súa entrada en vigor.











