publicidade hoxe

Policía Local de Culleredo constata o elevado uso do cinto na campaña de control dos sistemas de retención

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

Os cullerdenses demostran un elevado emprego do cinto de seguridade. É unha das primeiras conclusións da campaña de control do cinto e dos sistemas de retención infantil que está a levar a cabo esta semana a Policía Local de Culleredo.

Trátase dunha campaña enmarcada dentro dos acordos que o Concello de Culleredo ten coa Dirección Xeral de Tráfico. O goberno local decidiu impulsar a máxima colaboración coa DXT para concienciar e promover o correcto uso do vehículo no municipio.

Os axentes están a establecer diferentes puntos de vixilancia para verificar o uso destes sistemas de seguridade. Por agora, a gran maioría dos usuarios utilízanos correctamente.

A campaña desenvólvese especialmente na zona urbana, por ser a de maior tránsito. Tamén se levou a cabo na saída dos centros escolares, de especial relevancia para asegurar que os nenos viaxan de forma correcta.

O primeiro tenente de alcalde, e responsable de Seguridade Cidadá, José Ramón Rioboo, destaca a importancia do correcto uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil cando se circula nun vehículo, xa sexa polo condutor ou os seus ocupantes, para minimizar as consecuencias en accidentes de tráfico.

Rioboo móstrase “moi satisfeito” por comprobar que o emprego do cinto está estendido entre os veciños de Culleredo. No entanto, apunta, que o Concello “seguirá traballando en promover a súa utilización en calquera traxecto, curto ou longo, urbano ou interurbano”.

15 de marzo de 2014 | 18:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.