Paulo Lameiro impartirá diferentes actividades con bebés no Salón do Libro de Pontevedra
O afamado musicólogo portugués, Paulo Lameiro, impartirá durante a fin de semana diferentes actividades nas que os bebés e a súa educación musical son os protagonistas. A primeira, unha conferencia dirixida especialmente a educadores, terá lugar o sábado 22 de marzo ás 11:30 horas no Salón de Actos con entrada libre ata completar cabida, baixo o título “Por que música para bebés? Bases teóricas. Que repertorios? Que instrumentos?”
O sábado pola tarde, ás 17:30 horas, paseremos da teoría á práctica: Paulo Lameiro acompañado de Inesa Markava dirixirán un taller para familias con bebés titulado “Berço das artes que cozinhan contos e cantos”, destinado a cativos de 0 a 18 meses. As prazas son limitadas (45 persoas: 15 bebés acompañados por dous adultos). Retirada de pases a partires das 17 horas, e o lugar de celebración será a Sala de Obradoiros do Pazo da Cultura.
O musicólogo portugués continuará con nós ao longo do domingo 23 de marzo para ofrecer tres exclusivos concertos para bebés , creados para o Salón do Libro, no escenario do Auditorio do Pazo da Cultura, ás 11 , ás 12:30 e ás 18 horas.
Baixo o título “Saborear o son dos livros”, Lameiro xogará coa musicalidade dos libros e das palabras, co papel que se toca, que se cheira e se saborea. As prazas son limitadas (70 bebés acompañados por dous adultos en cada unha das funcións). O prezo único é de 6 euros (gastos de tramitación incluídos). Habilitarase a venta anticipada de entradas a través de servinova.com ata esgotar localidades; de non esgotarse, poderán adquirirse no despacho de billetes do Pazo da Cultura desde 1 hora antes de cada función.
Curriculo do musicólogo Paulo Lameiro
Naceu en 1965, en Pousos, Leiría.
Primeiros estudos de música na Filharmónica da súa aldea natal, banda que aínda integra tocando eufonio. Ten o Curso Superior de Canto do Conservatorio Nacional como bolseiro da Fundación Calouste Gulbenkian, e a Licenciatura en Ciencias Musicais pola Universidade Nova de Lisboa. Fixo un posgrao en Etnomusicoloxía tamén na UNL. Integrou o Coro de Cámara de Lisboa e o Coro do Teatro Nacional de San Carlos, onde se estreou en 1991 como solista na Ópera Rinaldo de Haendel, nunha produción con Teresa Berganza e Pier Luigi Pizzi. Cantou a solo cos Segréis de Lisboa, e tamén coas orquestras Sinfónica Xuvenil, Regie Sinfonia, Swedisch National Orcherstra, D. Fernando, Conservatório Nacional, Orquestra de Cámara de Braga e Colegium Musicum, cos mestres Cristopher Bockman, Fernando Eldoro, Manuel Ivo Cruz, Hakan Sund, Mark Fitzgerald, António Baptista, entre outros.
Foi o máis novo Vicepresidente da Escola de Música do Conservatório Nacional de Lisboa, sendo fundador da Escola de Artes SAMP e Director Pedagóxico da Escola de Música do Orfeão de Leiría. Foi de 1996 a 2000 Director Artístico dos Cursos Nacionais de Rexentes de Bandas do INATEL. Foi tamén Coordinador Rexional do proxecto MUS-E para Leiría entre 1998 e 2001.
É autor de varios proxectos de formación e produción musical para recén nacidos, destacándose “Berce das Artes”, “Músicos de Fraldas” e “Concertos para Bebés”, que ten presentado un pouco por todo país e pola Europa. Na área da Musicoterapia é autor e coordinador de dous programas dedicados á poboación prisional e terceira idade, nomeadamente “Ópera na Prisión” e “Novas primaveras”.
É Director Pedagóxico e Artístico da Escola de Artes SAMP, e Director Artístico do Festival de Artes para a primeira Infancia “Pinhal das Artes”. É membro da Comisión de Liturxia e Música Sacra da Diocese de Leiría-Fátima, e Mestre Titular da Schola Cantorum Pastorinhos de Fátima – Coro Infantil do Santuario de Fátima, de que foi fundador. Integrou a Dirección e o Consello Científico do Instituto de Etnomusicoloxia da Universidade Nova de Lisboa, no cal desenvolveu varios proxectos de investigación.
É convidado regularmente a realizar conferencias e a animar concertos por todo o país e ten publicacións no ámbito da Etnomusicoloxia en varias revistas especializadas.
En 1993 foi homenaxeado co Galardón de Mérito Cultural do Municipio de Leiría. En 1998 foi elixido Profesional de Mérito do ano polo Rotary Club de Leiría e recibiu o Premio “Afonso Lopes Vieira” atribuído polo xornal semanario Rexión de Leiría. En 1999 foi elixido pola Radio Club de Leiría na súa Gala o profesional de maior relevancia no dominio da Cultura do Distrito. Foi o Presidente da Asemblea de Freguesía da súa aldea natal. En 2013 recibiu o premio internacional YEAH (Young EARopean AwardYoung EARopean Award) na categoría innovación co seu proxecto Concertos para Bebés.
É pai do Simão e da Natércia, e ten como pasatempo a creación de carpas Koi, para quen lle gusta ollar calma e demoradamente.











