Ourense oferta máis de 800 prazas para as actividades da campaña de verán
Na provincia de Ourense este ano ofértanse un total de 805 prazas, 20 máis que o anterior, para que mozos e mozas de entre 9 e 30 anos participen nas actividades de carácter lúdico, cultural ou deportivo da campaña de verán que organiza a Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte as ordes de convocatoria desta iniciativa.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, subliña a aposta da Xunta para mellorar e manter a oferta das actividades incluídas nesta campaña na que o Goberno galego inviste máis de 2,3 millóns de euros. Este orzamento non só beneficia aos usuarios das distintas actuacións, senón que tamén permitirá a contratación de máis de 900 persoas como monitores e directores de tempo libre.
Na programación inclúense: campamentos xuvenís para menores de 18 anos en Galicia e noutras comunidades autónomas; as actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo en España e no estranxeiro; e accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.
Campamentos de verán
O obxectivo dos campamentos de verán é que a mocidade empregue o seu tempo libre en actividades de carácter lúdico, cultural e deportivo,ao tempo que coñecen outros territorios e viven novas experiencias. Haberá distintas quendas, de entre 8 e 12 días, durante os meses de xullo e agosto e poderán participar nenos e nenas de entre 9 e 17 anos.
Este verán haberá 640 prazas en Ourense, fronte ás 535 ofertadas na pasada campaña. As instalacións nas que se desenvolverán os campamentos serán o complexo O Corgo en Muíños; o centro de educación ambiental Equal en Coles; o albergue Vilar de Ordelles en Esgos; a estación de montaña de Manzaneda; e a residencia Xuvenil Florentino López Cuevillas, na capital da provincia.
A maiores, os mozos galegos poderán optar a participar en campamentos de intercambio noutras comunidades autónomas. Pola súa banda, participantes doutras comunidades autónomas poderán vir a Galicia.
Como todos os anos, tamén se colaborará coa Secretaría Xeral de Emigración para facilitar a participación de descendentes de emigrantes galegos. Así mesmo, reservaranse unha serie de prazas para colectivos específicos, que serán xestionados pola Secretaría Xeral de Igualdade, a de Política Social e a Dirección Xeral de Familia e Inclusión.
Unha importante novidade na orde deste ano é que os mozos e mozas con discapacidade inferior ao 65 por cento poden participar na convocatoria, optando ben polo procedemento xeral ou ben polo de prazas reservadas para a inclusión social.
Actividades para maiores de 18 anos
Para os maiores de 18 anos e menores de 30, este ano volverase a organizar unha serie de actividades. En Ourense, con 60 prazas ofertadas, levarase a cabo a actividade “Cultura e Camiño” dentro do proxecto “Conecta con Galicia”, un programa rotatorio de convivencia entre participantes galegos e da Galicia exterior que permitirá coñecer o patrimonio histórico cultural da provincia.
Campos de traballo
Para os maiores de 18 anos tamén se poñen en marcha os campos de traballo, cun total de 105 prazas en Ourense, 15 máis das ofertadas en 2013. O seu obxectivo é fomentar a convivencia, a participación e a tolerancia a través dunha colaboración desinteresada e voluntaria.
Na provincia desenvolveranse 5 campos de traballo de diferentes temáticas: medioambiental en Riós e Muíños; mediambiental e social, na Peroxa; de bioconstrución e autoconstrución nas Corcerizas, en Vilar de Barrio; e audiovisual en Celanova.











