Ourense conmemora o Día Mundial da Auga cunha cata e un monólogo teatralizado nas Burgas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioOurense
A-
A+

A Concellería de Termalismo do Concello de Ourense celebrará mañá, sábado, día 22 de marzo, o Día Mundial da Auga cun programa de actividades no complexo arqueolóxico termal das Burgas co obxectivo de achegar este espazo á cidadanía e pór en valor as augas termais da cidade. Consistirán nunha cata de augas minerais, ás 10:00 horas, e a representación dun monólgo teatralizado sobre Calpurnia Abana, ás 20:30 horas, na estación termal das Burgas, un espazo que ampliará tamén a súa apertura ao público mañá, ata as 00:00 horas

Con estas actividades Ourense súmase á proposta da Asociación Europea de Cidades Históricas e Termais para celebrar de xeito conxunto esta data. Baixo o título de Celebration@Sources, as diferentes cidades europeas organizan un programa de actividades que se poderá seguir a través da páxina de  Facebook  www.facebook.com/celebrationsources.

A primeira das actividades de mañá será unha Cata de augas minerais dirixida polas profesoras Elena Falqué e Mª Concepción Pérez Lamela, da Facultade de Ciencias do Campus da Universidade de Vigo.  Comenzará as 10.00 horas no Centro de Interpretación das Burgas, con 16 participantes.

A partir das 20.30 horas, a Estación termal das Burgas convírtese en escenario para acoller o mónologo teatralizado Calpurnia Abana nas Burgas de Ourense, a cargo da Escola Municipal de Teatro, con entrada libre e gratuíta. Nel atopámonos a Calpurnia Abana, primeira dama de Auria, quen nos contará como ela, xunto a outras moitas persoas, acudía aos baños das Burgas buscando a saúde a través das ninfas que habitaban estas augas misteriosamente quentes. A estación termal, de uso gratuito, permanecerá aberta ata as 00:00 horas.

CELEBRATION@SOURCES NAS REDES SOCIAIS

Xunto con Ourense, cidades como Vichy, Baden Baden ou Budapest celebrarán este día con diversas propostas que quedarán documentadas a través de Facebook na web www.facebook.com/celebrationsources. Participantes e público están convidados a participar de xeito activo cos seus comentarios ou subindo fotografías. Poden facelo a través de Instagram empregando a etiqueta #celebrationsources.

Proxecto europeo Source

A proposta Celebration@Sources con motivo do Día Mundial da Auga é unha das actividades programadas dentro do proxecto SOURCE; unha iniciativa trasnacional desenvolta ao abeiro do programa europeo CULTURA 2007-2013 con financiamento da Dirección Xeral de Cultura i Ensino da Comisión Europea.

A participación de Ourense, entre outros, concretouse na celebración, o pasado 19 de setembro de 2013,  dun congreso internacional baixo o nome de “Segundo Café de Europa: Augas, peregrinacións, espiritualidade”, no que participaron profesionais de distintas disciplinas provintes de España, Portugal, Italia e Inglaterra.

21 de marzo de 2014 | 12:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.