Ourense celebra o Día Mundial da Auga con cata de augas minerais e teatro nas Burgas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Co gallo da celebración, o 22 de marzo, do Día Mundial da Auga, o Concello de Ourense organiza unha serie de actividades no complexo arqueolóxico termal das Burgas co obxectivo de achegar este espazo á cidadanía e pór en valor as augas termais de Ourense, o noso patrimonio máis importante.

Con estas actividades Ourense súmase á proposta da Asociación Europea de Cidades Históricas e Termais para celebrar de xeito conxunto esta data. Baixo o título de Celebration@Sources, as diferentes cidades europeas organizan un programa de actividades que se poderá seguir a través da páxina de  Facebook  www.facebook.com/celebrationsources.

A primeira das actividades programadas para o sábado día 22 é unha Cata de augas minerais dirixida polas profesoras Elena Falqué e Mª Concepción Pérez Lamela, da Facultade de Ciencias do Campus da Universidade de Vigo.  A actividade comenzará as 10.00 horas no Centro de Interpretación das Burgas e a participación é gratuíta. O número de prazas é limitado, polo que será necesario formalizar inscricións dirixíndose á Concellaría de Termalismo (no teléfono 988388108 ou no correo termal@ourense.es).

Pola tarde, a partir das 20.30 horas, a Estación termal das Burgas convírtese en escenario para acoller o mónologo teatralizado Calpurnia Abana nas Burgas de Ourense. Desenvolto coa colaboración da Escola Municipal de Artes Escénicas, nel atopámonos a Calpurnia Abana, primeira dama de Auria, quen nos contará como ela, xunto a outras moitas persoas, acudía aos baños das Burgas buscando a saúde a través das ninfas que habitaban estas augas misteriosamente quentes.

Horarios especiais para a estación termal das Burgas

Con motivo desta celebración,  a Estación Termal das Burgas prolonga os seus horarios: do 18 ao 21 de marzo, coincidindo coa celebración da Semana do Campus da Auga que organizada pola Universidade de Vigo (e na que o Concello participa con sendas ponencias os días 17 e 18)  a  Estación Termal  prolongará o seu horario de tarde ata as 22.00 horas. Ademais, e de xeito extraordinario,  o sábado 22 as instalacións permanecerán abertas ata as 00.00 hrs.  Lémbrase que o acceso a estas instalacións municipais continúa a ser gratuíto.

CELEBRATION@SOURCES NAS REDES SOCIAIS

Xunto con Ourense, cidades como Vichy, Baden Baden ou Budapest celebrarán este día con diversas propostas que quedarán documentadas a través de Facebook na web www.facebook.com/celebrationsources. Participantes e público están convidados a participar de xeito activo cos seus comentarios ou subindo fotografías. Poden facelo a través de Instagram empregando a etiqueta #celebrationsources.

Proxecto europeo Source

A proposta Celebration@Sources con motivo do Día Mundial da Auga é unha das actividades programadas dentro do proxecto SOURCE; unha iniciativa trasnacional desenvolta ao abeiro do programa europeo CULTURA 2007-2013 con financiamento da Dirección Xeral de Cultura i Ensino da Comisión Europea.

A participación de Ourense, entre outros, concretouse na celebración, o pasado 19 de setembro de 2013,  dun congreso internacional baixo o nome de “Segundo Café de Europa: Augas, peregrinacións, espiritualidade”, no que participaron profesionais de distintas disciplinas provintes de España, Portugal, Italia e Inglaterra.

15 de marzo de 2014 | 12:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.