Os xogadores do Rio Natura Monbus reviven a súa etapa como estudantes coa promoción do `Partido do Universitario´

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O Rio Natura Monbus – Fuenlabrada (sábado ás 20.00 horas) no Fontes do Sar, declarado partido do universitario, será especial tamén para moitos dos xogadores do equipo de Moncho Fernández, que a pesar de dedicar a súa vida ao baloncesto de elite conseguiron compaxinalo con diferentes estudos superiores. É o caso de Durand Scott, Iñaki Sanz, Ben Dewar, Pavel Pumprla, Micky Stobart, Vasilis Xanthopoulos ou Travis Peterson.

Destaca, por exemplo, o caso de Iñaki Sanz, enxeñeiro agrónomo de profesión e estudando actualmente a distancia ciencias ambientais. El lembra con moito agarimo a súa época de estudante: “Foron uns anos xeniais, nos que entre outras cousas coñecín aos que son hoxe os meus mellores amigos e aprendín moito de algo que me encantaba. Ao final, máis que dunha clase ou dun profesor, do que che acordas é de todo o que o rodea, así que animo a todos os universitarios a que veñan cos seus amigos porque é unha tarde que estará entre esas cousas que non van esquecer”, declara.

Para Pavel Pumprla, por exemplo, que preferiu especializarse en Filoloxía e Literatura Inglesa na súa República Checa natal, a súa época universitaria “fue bastante difícil para min sacar tempo para todo, pero quería licenciarme e conseguino, con moito traballo”. Considera este tipo de ofertas un exemplo a seguir: “Aos mozos interésanlle os deportes. Un bo exemplo son os pavillóns cheos que ven nos partidos universitarios dos Estados Unidos. Ver o mesmo aquí este sábado, nunha liga con máis nivel aínda, sería ideal”

No caso de Travis Peterson, o ultimo en unirse ao cadro de persoal de Moncho Fernández, entrou na Universidade de Samford para estudar Económicas cunha bolsa deportiva en baloncesto. “A universidade é moito máis que clases. É o momento no que un ten que descubrirse a si mesmo e mostralo ao mundo. Alí eu ratifiquei a miña paixón polo baloncesto e moitos dos meus amigos a súa por ser espectadores diso, indo a cada partido”, asegura.

Até este sábado calquera estudante das universidades galegas pode beneficiarse aínda desta oferta para o partido contra o Fuenlabrada conseguindo as entradas por tan só 9 euros. A compra pódese realizar tanto mediante a web (www.obradoirocab.com) como nas oficinas do club de luns a venres de 10.00 a 14.00, na Miudiño Store (local Blusens de Área Central) de hoxe a venres de 17.00 a 22.00, ou o propio sábado momentos antes do partido en despacho de billetes. Só será necesaria o cartón universitario para verificar a calidade de estudante universitario do comprador.

19 de marzo de 2014 | 22:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.