Os vilagarciáns depositaron nos contedores de reciclaxe 9.215 quilos de aceite alimenticio usado durante o pasado ano
Vilagarcía conta dende ao ano 2009 cun servizo gratuíto de recollida e reciclaxe de aceite de uso alimenticio usado que organiza a través dos 16 contedores específicos distribuídos por todo o termo municipal. O pasado ano 2013, os vilagarciáns depositaron nestes contedores 9.215 quilos da substancia oleaxinosa. Con esta boa práctica medioambiental, evitouse a contaminación de máis de 10 millóns de litros de auga.
Desfacerse do aceite alimenticio de uso doméstico sen contaminar é posible a través dos contedores de recollida que o Concello ten dispostos en 16 puntos do municipio. Ao optar por esta vía en lugar de por desbotar os residuos oleaxinosos polos desaugues ou váteres, evítase que o aceite se mesture coa auga que, a través da rede municipal de saneamento, chega ata a EDAR de Ferrazo para a súa depuración, polo que o seu tratamento faise máis rápido e cun menor custe.
Como vén sendo habitual, os contedores nos que se recolleu máis aceite residual foron aqueles emprazados no centro urbano e cunha maior densidade poboacional como o do barrio do Piñeiriño (1.495 quilos), Praza de Abastos (1.455), As Carolinas (1.440) e Ravella (925). A continuación situáronse os contedores de Vilaxoán, onde se recolleron 730 quilos, e Carril, con 670 quilos. Nos demais puntos de recollida non se chegou aos 400 quilos. No tramo situado entre os 300 e os 400 quilos de aceite recollido durante o ano 2103 atópanse os depósitos de Sobradelo e Cornazo; mentres que os de Rubiáns, A Laxe, Trabanca Badiña e Trabanca Sardiñeira as cantidades anuais acumuladas situáronse entre os 200 e os 300 quilos. Por debaixo dos 200 quilos quedaron os contedores dos puntos de A Torre, Guillán, Cea e Vilar-Bamio.
Uso gratuíto e exclusivamente doméstico
Vilagarcía presta o servizo de recollida de aceite de uso doméstico dende novembro de 2009. A súa utilización é gratuíta, tanto para o usuario, como para o Concello, grazas ao convenio de colaboración subscrito coa empresa Procesadora Gallega de Alimentos S.L., xestora de residuos autorizada pola Xunta de Galicia, que é a que se encarga de recoller os residuos e de reutilizalos como materia prima para a produción de biocombustible. O servizo é de uso exclusivo para os aceites de orixe doméstico. Os residuos oleaxinosos procedentes de actividades industriais non son susceptibles de usalo, posto que as empresas están obrigadas por lei a facerse cargo dos residuos que xera a súa actividade a través de xestores autorizados.
Combustible ecolóxico que non emite xofre
Unha vez recollidos os residuos, o aceite de cociña usado transpórtase a unha planta de reciclaxe para a súa posterior transformación en biodiésel, un biocombustible vexetal que contribúe á conservación do medioambiente, posto que é renovable e limpo e non produce emisións de xofre. Ademais, reduce o desgaste do motor (maior lubricación) e pode ser usado por calquera vehículo diésel convencional sen necesidade de modificacións mecánicas.
Residuo altamente contaminante
O aceite usado constitúe un residuo moi abundante, xa que cada persoa xera ao ano unha media de 7 litros. Ademais, esta substancia ten un elevado poder contaminante posto que 1 litro de aceite contamina 1.000 litros de auga. Segundo os estudos globais, a maior parte deste residuo (80%) procede de domicilios particulares e só un 20% da hostalería. Na inmensa maioría dos casos, os aceites domésticos son eliminados a través da rede de sumidoiros. Isto supón que os aceites ou van para ás depuradoras de augas residuais das cidades -provocando avarías e proliferación de pragas na rede, e incrementando os custes de depuración e mantemento das instalación- ou van directamente á terra, co que acaban contaminando os acuíferos.











