Os socialistas de Ordes pide que o centro comarcal se converta nun centro socio-sanitario para dependentes
O PSOE de Ordes pedirá na sesión plenaria deste xoves que o inmoble do centro comarcal de Ordes, pechado e sen ningún tipo de actividade nos últimos anos, se converta nun centro socio-sanitario para dependentes. “Pensamos que o inmoble podería ser aproveitado para un centro no que se lles dera respiro ás familias que teñen ao seu cargo a persoas maiores con problemas de Alzhéimer, que estean afectados por ictus cerebrais ou por outras patoloxías que os fagan dependentes”, explica o voceiro municipal socialista Xesús Pedreira.
O voceiro socialista considera que “tendo en conta as necesidades sociosanitarias da veciñanza de Ordes, e sendo conscientes dos escasos recursos económicos dispoñibles, consideramos que esta proposta poría en valor un inmoble desaproveitado na actualidade e permitiría poñer en marcha un servizo moi necesario sen apenas custe económico e nun curto período de tempo, xa que as infraestruturas xa están feitas”.
Por iso, os socialistas buscarán o apoio do pleno municipal a pedirlle á Consellería de Presidencia que faga efectiva a cesión ao Concello de Ordes do inmoble anteriormente utilizado como centro comarcal, tal e como se ten comprometido meses atrás o vicepresidente Alfonso Rueda. Así mesmo, instarán á Consellería de Traballo e de Servizos Sociais a sinatura dun convenio de colaboración co Concello de Ordes para a posta en marcha dun centro socio-sanitario no devandito inmoble.
Céntimo sanitario
Por outra banda, os socialistas ordenses instarán tamén ao Concello de Ordes a que presente ante Facenda unha reclamación para recuperar os cartos cos que foi gravado ilegalmente o combustible consumido polos vehículos do parque municipal ordense. “O Concello de Ordes, entre camións e vehículos para distintas actividades, ten ao seu cargo uns 17, os cales consumiron milleiros de litros de combustible dende o ano 2002 e estamos seguros de que ese céntimo sanitario cobrado de xeito ilegal sumará unha importante cantidade para as arcas municipais”, explica Pedreira Mirás, quen engade que “supoñemos que unha entidade como o Concello de Ordes terá gardadas as facturas correspondentes para poder facer esta reclamación”.
Así mesmo, o PSOE de Ordes pedirá tamén o arranxo das Illas Verdes instaladas en todas as parroquias de Ordes, en virtude duns convenios asinados por SOGAMA co daquela concelleiro de Medio Ambiente, Xesús Pedreira. Ademais, solicitarán que se acondicione con zahorra o terreo delimitado pola parcelaria para a ampliación do cemiterio de Pereira, para converter esa zona nun aparcadoiro.
Finalmente, os socialistas ordense faranse eco dunha reclamación dos veciños de Beán e de Pereira, que solicitan un carril de desviación cara Pereira na N-550, á altura do Bar Orense. “Non habería que facer obra ningunha, tan só un repintado da zona porque o lugar dispón de suficiente anchura para acoller este carril de desviación”, explica Xesús Pedreira.











