publicidade hoxe

Os pescadores do río Viñao en Boborás contarán con maior espazo tras iniciarse os trámites de ampliación do couto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoborásLocal PortadaOurense
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, iniciou o expediente de modificación do couto de pesca de Boborás na provincia de Ourense para levar a cabo a súa ampliación, tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG). Na publicación indícase que ten o informe favorable do Comité Provincial de Pesca Fluvial de Ourense do pasado mes de outubro de 2013.

Na actualidade, o couto de pesca de Boborás ten unha lonxitude de 9,3 quilómetros e os seus límites son:

-Superior: Ponte de Barcia ( O Irixo)
-Inferior: Muíño da Teixeira (Boborás)

O aumento pedido pola Sociedade de Pesca río Viñao realízase augas arriba sobre un tramo vedado xa existente. Con isto, o límite superior pasaría a chamarse Ponte do Muíño de Santiso (O Irixo) e a nova lonxitude do couto será de 10,5 km.

A petición desta ampliación xustificouse no comité porque resulta ser unha zona máis apta para practicar da maioría das modalidades de pesca que empregan os habituais deste couto.

Durante esta tempada de 2014, o treito de río obxecto da ampliación continua vedado, aínda que forme parte do couto, para a próxima tempada 2015 poderase solicitar a anulación do vedado. Cabe sinalar que o expediente de modificación do couto de pesca de Boborás foi sometido a información pública e non se presentaron alegacións.

Novas medidas

Este cambio cumpre os requisitos establecidos na Lei de pesca fluvial, polo que tras a publicación no DOG, iníciase a modificación dos seus límites, que quedan fixados da seguinte maneira:

-Límite superior: ponte do muíño de Santiso (O Irixo).
-Límite inferior: muíño da Teixeira (Boborás).
-Lonxitude aproximada: 10,5 km.

De conformidade co disposto no artigo 15 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, inclúense no couto de pesca os 100 metros finais de todos os afluentes existentes no tramo acoutado.

Sinalar que contra esta resolución caberá a interposición do recurso de alzada perante o conselleiro do Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no prazo de un mes, contado desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

7 de marzo de 2014 | 10:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.