Os Pasatempos de Primavera en Cervo inclúen o Encontro de Palilleiras, a Festa do Mexillón e o Día do Xubilado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervo
A-
A+

O Concello de Cervo continúa coa súa intención de achegar a toda a poboación a programación de eventos e actividades. Para iso vén de editar os Pasatempos de Primavera, un folleto de deseño doado e atractivo que, ao igual que se vén facendo nos últimos meses, enviarase a todos os domicilios de Cervo para que a poboación coñeza a oferta de lecer do municipio.

Nesta caso, os Pasatempos inclúen os actos previstos para os meses de abril, maio e xuño. Esta é a cuarta vez que a administración local aposta por esta forma de difusión para as actividades que se realizan no municipio que, ao mesmo tempo, tamén é unha maneira de fomentar a participación de veciños e veciñas. “Queremos que Cervo siga sendo un concello dinámico e activo, no que a poboación teña moitas posibilidades para aproveitar o tempo libre. Por iso poñemos en marcha numerosas actividades e colaboramos con outras entidades”, explica o alcalde, Alfonso Villares. 

Programa

En total inclúense unhas 40 actividades, algunhas delas xa habituais nos Pasatempos, como é o caso da Ocioteca, o Econtro Aberto de Música para Mozos, o Taller de teatro infantil, o Un, dous, tres ou as charlas de nutrición, que neste caso terán como tema “os superalimentos e falsos mitos na nutrición”. Ademais hai certos eventos que se veñen ofrecendo todos os anos por estas datas como é o caso dos Enredos de Semana Santa ou o Retrato cos avós.

En canto aos eventos puntuais, destacan algúns con moita tradición, por orde de celebración: O XI Encontro de Palilleiras (4 de abril), a Festa do Mexillón (19 de abril) e o XXXI Día do Xubilado (1 de maio). Da mesma maneira, tamén se celebran outros eventos como é o caso do Día do Libro, o Día do Libro Infantil e Xuvenil, ou o Día das Letras Galegas.

Medio Ambiente

Nesta primavera as actividades relacionadas co coidado do Medio Ambiente van ter un especial protagonismo. Entre elas destacan as charlas sobre reciclaxe, nas que se darán explicacións sobre a separación de residuos; as visitas ao Punto Limpo por parte dos escolares dos dous centros de primaria do municipio ou o IV Concurso de fotografía “Cervo respecta”.

Novidades

Dentro das novidades destaca o XXII Congreso Periodipesca, un evento no que se reunirá a decenas de xornalistas especializados en caza, pesca, medio ambiente e turismo rural e de aventura e que se celebrará do 1 ao 4 de maio. Tamén se ofrecerá por primeira vez unha concentración de vehículos clásicos e un curso de surf.

Asociacións

A oferta das diferentes asociacións en colaboración co Concello de Cervo é ampla e inclúe actividades como Bailes de salón, os Mercados do Souto, e a VIII Exaltación da Carne de Porco, de Airiños do Xunco; o Torneo Social do Club de Tenis de Mesa, organizado polo club de Tenis de Mesa de San Ciprián; Guateques en Rúa das Espalladoras; a VI Ruta do Poldro e a VII Feira do Gando, de Cabaleiros do Xunco; actuacións musicais a través dos Aventados; ou o Río de Lavar, das Mulleres de San Ciprián.

31 de marzo de 2014 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.