Os nenos do Apóstolo Santiago comezan a aventura do ‘Conto viaxeiro’
A primeira das 16 sesións que van ter lugar realizouse no Apóstolo Santiago este pasado luns e a segunda, o martes no CEIP Raíña Fabiola. As sesións continuaron no CEIP Mestre Rodríguez Xixirei da Sabugueira o mércores e no CEIP de Roxos o xoves, para volver ao Apóstolo Santiago o venres. O calendario vai continuar durante as próximas semanas polos 8 centros que solicitaron esta actividade.
En cada unha das sesións vanse traballando os elementos estruturais dun conto para ir construíndo unha historia colectiva que se aproveita para poñer en valor o patrimonio natural e cultural da contorna e, especialmente, o uso da lingua galega. Cada xornada ten independencia en si mesma e nela os participantes, ademais de elaborar un anaco da historia, traballan tamén na súa ilustración para, ao final, ter un conto e un vídeo-conto que se vai publicar en dixital e en papel.
De todas as sesións vaise dando conta no blog do proxecto, onde se pode atopar tamén o traballo finalizado do curso pasado, así como recursos didácticos que se van propoñendo para que tanto as escolas como as familias poidan tirar rendemento didáctico á actividade:
www.contoviaxeiro.santiagodecompostela.org
O inicio do conto situou como protagonista un ourive compostelán con atributos ben curiosos: anda en patinete polas rúas da cidade e gusta de cociñar.











