Os Museos Científicos celebran unha xornada de portas abertas o martes de Entroido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da área de Cultura que dirixe Ana Fernández, informa de que, coincidindo co martes de Entroido, o próximo 4 de marzo os Museos Científicos Coruñeses celebrarán unha xornada de portas abertas.

As persoas que acudan á Casa das Ciencias poderán gozar dalgunhas novidades, como a nova exposición sobre péndulos Puro Swing, que propón experiencias como a de subirse a unha randeeira moi especial, comprender o segredo do botafumeiro, ou descubrir como funcionaban os reloxos antes de que houbese pilas. Tamén poden asistir a unha das 4 sesións de planetario que haberá ao longo do día, ás 12.00, 13.00, 17.00 e 18.00 horas.

Son só algunhas das actividades que ofrece o primeiro museo de ciencia interactivo da Coruña, no que se espera alcanzar ao longo deste fin de semana o número de 3 millóns e medio de visitantes desde a súa apertura o 1 de xuño de 1985.

Domus e Aquarium

Entre as propostas da Domus está a exposición Xogo de Neuronas, que explora a mente e a intelixencia humana e contén actividades como tentar reproducir unha melodía nun teclado, realizar un debuxo seguindo instrucións verbais, ou probar os reflexos e a axilidade nun panel con pulsadores a diferentes alturas.

E no Aquarium o público poderá achegarse a ver ás focas no momento das súas comidas, ás 12.00 e ás 17.00 horas, facer unha visita no Nautilus a Gastón, a quenlla touro, ou ver unha proxección na OceanoSfera, o proxector esférico dixital que ofrece simulacións de fenómenos mariños, atmosféricos e oceanográficos a escala global desde unha perspectiva diferente da Terra, coma se fose vista desde o espazo.

1 de marzo de 2014 | 13:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.