Os mariñeiros encerrados no Parlamento prefiren “que nos leven detidos” a pasar “fame”

Mariñeiros encerrados no Parlamento
Os mariñeiros do cerco encerrados este martes nunha das salas do Parlamento de Galicia expresaron a súa desesperación ante a situación que están a vivir e, tras a carga policial que se produciu no exterior, advertiron de que estas situacións se producen porque están “a pasar fame”.
“Que me leven detido”, gritou o representante da Confraría de Sada, Manuel Presas, que ten tres fillos, e a quen secundaron outros mariñeiros dicindo “ao meu tamén”. Nesta acción de protesta participan representantes de cinco confrarías da Coruña, Malpica, Portosín, Cambados e Sada.
Os mariñeiros encerrados queren que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acuda a reunirse con eles e censuran que haxa diñeiro “para Bankia e Pescanova” e a eles non se lles deixe pescar.
A tensión aumentou dentro do Parlamento de Galicia ao coñecerse que fose produciuse unha carga policial e os encerrados na Cámara aseguraron que non deixarán a protesta e pediron aos grupos da oposición, tras abandonar o pleno, que lles axuden a manter a súa acción reivindicativa.
Pouco antes desta situación, mariñeiros mantiveron un encontro con Antonio Basanta, xefe de gabinete da Consellería de Medio Rural e do Mar, quen continúa no Parlamento e asegura que o problema o teñen os membros da flota por carecer dunha postura común de toda ela.











