Os maiores de Oleiros visitarán novos paraísos co programa de excursionismo e sendeirismo ‘Ven e descubre’
Este próximo xoves, 3 de abril, ás 18:30 horas nas Torres de Santa Cruz, a concellería de Servizos Sociais do Concello de Oleiros vai presentar unha nova edición do programa de excursionismo e sendeirismo para maiores Ven e Descubre 2014. Este ano, baixo o título “Paraísos cercanos”, descubrirán pequenas xoias da nosa xeografía, verdadeiras marabillas da natureza e da orografía galega. Sete rutas diferentes por lugares con encanto, especiais, de grande beleza e moi importantes polo seu valor histórico, cultural e natural.
Este programa conta cunha gran aceptación entre as persoas maiores de 60 anos de Oleiros, xa que ofrece a posibilidade de coñecer a fondo novos lugares, enriquecerse con novos coñecementos e establecer relacións con novos e vellos compañeiros. As viaxes convértense nun lugar de intercambio de coñecementos, desexos, ideas e valores, así como un punto de partida de novas relacións e amizades.
Nesta presentación coñeceranse as rutas previstas, imaxes das viaxes do ano pasado e algunha actividade relacionada co programa deste ano na que participen os propios protagonistas.
As rutas vanse realizar en dous formatos diferentes. Por un lado, excursións en autobús, con pequenos itinerarios guiados, e rutas de sendeirismo guiado onde se introduce o grupo dunha maneira máis directa e activa co contorno, sen esquecer a importancia que ten o compoñente físico da actividade. O Concello de Oleiros oferta dentro deste programa un total de 2280 prazas dirixidas ás persoas maiores de 60 anos empadroadas en Oleiros. En total serán 18 rutas de excursionismo e 12 de sendeirismo, que permitirán que todas as veciñas e veciños de Oleiros maiores de 60 anos coñezan estes paraísos próximos.
Ás persoas que lles interese coñecer máis a fondo o programa poderán recoller o folleto informativo o día da presentación e a partir do día seguinte en calquera das numerosas instalacións municipais. Tamén poden consultar a información a través da páxina web www.oleiros.org no apartado da Concellería de Servizos Sociais.











