Os maiores de Mos exercitan a súa mente nun obradoiro
Un total de 16 maiores mosenses participan no obradoiro “Exercitando a nosa mente”, promovido pola concellería de Participación Cidadá que dirixe a edil Kely Monzón. O obxectivo principal desta iniciativa é mellorar as habilidades e capacidades cognitivas dos seus beneficiarios de cara a fomentar a súa autodeterminación e independencia.
Os participantes no obradoiro recibiron hoxe unha sesión de risoterapia, a cargo de José Antonio Celada, na que puideron desfrutar dunha divertida e reconfortante mañá gracias ás propiedades terapéuticas da risa.
No resto das clases, que son impartidas pola educadora social municipal, Noelia Álvarez Estévez, utilízanse outras variantes dinámicas e participativas para estimular o desenvolvemento cognitivo e a participación activa dos maiores, adaptadas ás idades e destrezas dos usuarios, conseguindo establecer lazos de comunicación entre os/as participantes e intercambiando experiencias e opinións.
“O obradoiro céntrase no traballo das habilidades psicomotrices e cognitivas dos maiores, partindo do obxectivo principal de fomentar a súa autodeterminación e independencia. Outros dos obxectivos son promover a calidade de vida das persoas maiores do municipio de Mos, impulsar a súa participación, favorecer a integración das persoas da terceira idade na vida do municipio, establecer relacións sociais positivas e previr a soidade e propiciar o mantemento das capacidades cognitivas, persoais, físicas e sociais dos maiores” declarou a concelleira Kely Monzón.
As diversas actividades realízanse cada venres pola mañá no Multiusos de Mos, dende as 10.00 horas ata as 13:00 horas, dividíndose en dous grupos de 8 beneficiarios cada grupo; un de 10.00 horas a 11.30 horas e o outro de 11.30 horas a 13.00 horas. Deste xeito conséguese unha atención máis individualizada e personalizada para cada un dos 16 usuarios. O obradoiro comezou o pasado mes de febreiro e rematará en abril.











