Os internos de Teixeiro reciben formación ocupacional para mellorar as súas opcións de inserción laboral

Entrega de diplomas ao grupo de interinos. Foto: X. Crespo
A directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz, e o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Roberto Rodríguez, entregaron hoxe a un grupo de internos do centro penitenciario de Teixeiro os diplomas acreditativos dun curso de formación ocupacional que se desenvolveu entre os meses de outubro e febreiro. Na entrega estivo presente tamén a delegada da Xunta en A Coruña, Belén Do Campo.
Os asistentes ao curso son internos do módulo Nelson Mandela de preparación para a vida en liberdade. A Consellería de Traballo e Benestar, a través do Plan de Inclusión, desenvolve distintas actividades nese módulo dirixidas a facilitar aos reclusos a súa inserción social, familiar e laboral cando saian en liberdade.
O curso de formación ocupacional que vén de rematar foi de albanelería, en concreto de colocación de prefabricados lixeiros e é o primeiro impartido en Teixeiro que contou con mulleres entre os asistentes, dúas dos once participantes totais. O curso constou de 328 horas.
O proxecto Nelson Mandela incorporouse no ano 2010 aos circuitos formativos sociolaborais da Consellería de Traballo e Benestar, polo que o módulo acolle cursos que supoñen unha formación homologada que permite aos asistentes contar cunha cualificación profesional certificada cara ao momento no que abandonen o centro penitenciario.
Itinerarios personalizados cara á inserción
Durante a súa permanencia no módulo de preparación para a vida en liberdade, os internos seguen un itinerario personalizado de inserción, un percorrido deseñado polos técnicos do plan de inclusión que inclúe as accións e cursos máis adecuados cara ao obxectivo final, a súa reinserción sociolaboral no momento no que saian en liberdade.
Así, os 67 reclusos que actualmente participan no Plan de Inclusión en Teixeiro asisten diariamente a distintas actividades; como poden ser cursos de prevencion de recaidas, talleres ocupacionais ou formación en educación vial, entre outras. Poden asimesmo asistir a outros cursos que se impartan no centro penitenciario.
O equipo de inclusión de Teixeiro está formado por unha pedagoga, unha educadora e unha traballadora social. Dende que estes técnicos do plan comezaron a traballar neste centro, o plan chegou a un total de 515 persoas.
Ademáis, unha vez que os internos acadan a liberdade a Xunta mantén o seu apoio a través da rede do Plan de inclusión social de Galicia, que é a encargada de facer un seguimento das personas que están integradas neste programa.











