Os destilados con contraetiqueta protagonizan unha das xornadas do programa Ocioleiros

Charla sobre destilados no programa Ocioleiros
Oleiros foi nesta ocasión a localidade que acolleu as charlas de formación que ofrece o CRIIGG Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia para continuar co seu traballo de promoción e difusión destes destilados con contraetiqueta. Nesta ocasión os destinatarios foron 30 persoas da zona, que participaron activamente na cata comentada que baixo o título “Obradoiro de viños e destilados galegos, Ocioleiros 2014”, acolleu o Centro Municipal de Formación Isaac Díaz Pardo, en Oleiros.
Augardente de albariño, de herbas, licor de café e de herbas foron os produtos que se cataron durante a xornada de formación, que serviu tamén para aclarar conceptos, ver as diferenzas entre augardentes e licores e traballar en desterrar certos mitos, como o servizo dos destilados moi fríos. Ademais, o seminario contou coa participación do presidente do Consello Regulador, José Antonio Feijoo, que achegou tamén aos participantes a historia e o funcionamento do CRIIGG.











