Os cursos formativos de Emprego e Empresa na Coruña permitiron a inserción laboral dunha persoa ao día durante 2013
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, participou esta mañá, no centro sociocultural Ágora, na entrega dos diplomas dos cursos de Formación Ocupacional impartidos pola área de Emprego e Empresa durante 2013 e dos que se beneficiaron un total de 2.007 alumnos. O rexedor destacou o compromiso do Goberno municipal polos emprendedores, cunha inserción laboral directa de case unha persoa ao día, á vez que se comprometeu a seguir apoiándoos para que cada vez estean mellor preparados.
O alcalde destacou a gran acollida dos cursos de Formación Ocupacional para contar con emprendedores mellor preparados e potenciar a súa inserción laboral; cursos nos que participaron máis de 2.000 alumnos. Tamén agradeceu a colaboración de 120 empresas tanto na parte de asesoramento como de formación práctica destes programas. En total, impartíronse 122 cursos, repartidos en 10.840 horas de formación. Os programas formativos incrementáronse nun 10% con respecto a 2012.
Os cursos, impartidos no centro de formación de Vos Rosales e nas instalacións da Grela, son gratuítos e teñen como obxectivo potenciar a inserción laboral e profesional dos desempregados, a través de formación teórica e práctica. O contido destes cursos desenvólvese de acordo á demanda -o 60% dos cursos están vinculados ás novas tecnoloxías-, o que permite aumentar as posibilidades do alumno de atopar un emprego.
“Temos que seguir crendo no triángulo que conforman Concello, emprendedores e empresas para darnos optimismo. A nosa cidade ten dos mellores cocientes de emprego. Con este triángulo máxico podemos darlle a volta á situación e, para logralo, é importante que nolo creamos nós mesmos; crer nas fortalezas dos emprendedores. Seredes o que queirades ser”, afirmou o alcalde, quen avogou pola formación para contar con mozos mellor preparados.
Negreira comprometeuse a manter a filosofía do actual equipo de goberno de impulsar os cursos de Formación Ocupacional. En 2014 manterase o investimento do ano pasado, que roldou o millón de euros, e polo menos igualará o número de cursos. Na primeira convocatoria deste ano, xa se organizaron 20 cursos, cun total de 7.475 horas; unha oferta que se ampliará nos próximos meses e cunha segunda convocatoria no segundo semestre de 2014.
Os cursos de Formación Ocupacional súmanse a outras iniciativas desenvolvidas desde a Concellaría de Emprego e Empresa e que permitiron lograr unha inserción laboral directa de case unha persoa ao día (en concreto, 326 empregos), ás que se engaden os empregos indirectos que se logran con outros cursos, como os que se organizan en colaboración coa Xunta. En 2013, o departamento que dirixe Luisa Cid impartiu 60 cursos máis que o ano anterior e os técnicos traballaron de forma presencial con 7.949 persoas, 2.614 máis que en 2012.











