Os cursos de marketing buscan potenciar a oferta turística de Cambados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambados
A-
A+

O alcalde, Luis Aragunde, deu a benvida esta mañá os participantes no primeiro dos cursos formativos para axentes turísticos e hostaleiros que se celebran no Parador Nacional do Albariño ata o mércores. O rexedor pediulle ós participantes nas xornadas que aproveitaran esta oportunidade de mellorar a súa formación, o cal redundará en beneficio do sector turístico cambadés.

O experto en turismo, David Mora, iniciou estas xornadas formativas falando do marketing online, pondo o énfase na importancia do posicionamento mediante páxinas web en Internet e mais sobre estratexias de comercio a través das redes sociais, sempre co obxectivo de potenciar Cambados como destino diferenciado e de calidade.

O Concello, en colaboración coa Secretaría de Estado de Turismo do Ministerio de Industria, oferta estas tres iniciativas de formación pensando na relevancia que ten o turismo na economía do noso municipio, na súa competitividade e na necesidade de traballar de xeito conxunto na procura dos máximos parámetros de calidade.

Os cursos formativos realizanse no Parador Nacional de Turismo en horario de 10.00 a 14.00 horas,  e hoxe acudiron máis de corenta persoas entre axentes de turismo, e representantes do sector da hostalería.

O primeiro curso formativo, hoxe, versou sobre marketing online; o segundo, mañá, será un taller de Community Manager, e o terceiro, o mércores, outro taller de Marketing, neste caso gastronómico.

10 de marzo de 2014 | 19:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.