Os concellos de Vigo e a súa área comezarán a recibir o pago do servizo de axuda no fogar para dependentes en abril

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVigo
A-
A+

Ao longo do vindeiro mes de abril a Consellería de Traballo e Benestar abonará o primeiro pago do servizo de axuda no fogar para persoas en situación de dependencia aos concellos de Vigo e a súa área territorial.

Neste 2014, a previsión do departamento autonómico é que o Concello de Vigo reciba máis de 1,4 millóns de euros para facer fronte a este servizo, chegando aos 7,6 millóns de euros no total da provincia. O investimento en toda a comunidade superará os 37,7 millóns de euros e as transferencias de financiamento poderán incrementarse nun 6,1% con relación ao ano 2013 de chegarse a prestar efectivamente todas as horas asignadas, chegando ata o 7% de no caso da provincia.

Do total de horas subvencionadas pola Administración ás persoas beneficiarias deste servizo en Galicia, en Vigo cidade estarán entorno ás 140.000 horas. Trátase dunha estimación realizada pola consellería partindo dos datos de peche do 2013, pois ao longo do exercicio os concellos deciden, segundo unha lista priorizada por graos de dependencia, como asignan as horas que lles foron adxudicadas desde o Goberno galego.

O programa de asignación de recursos da Xunta “outorga aos servizos sociais municipais autonomía para xestionar as altas e baixas da lista de dependentes do seu concello, que poden realizar coa máxima axilidade”. As transferencias económicas desde a Administración autonómica realízanse trimestralmente, mentres que antes eran tramitadas anualmente.

A Xunta destaca así o labor dos departamentos de servizos sociais municipais e dos traballadores e traballadoras sociais de cada concello, pois “son o punto de referencia dos usuarios, os profesionais que reciben e fan seguimento dos casos e que están sempre en contacto cos beneficiarios e facilitando a xestión dos procedementos, especialmente no ámbito da dependencia”.

31 de marzo de 2014 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.