Os clientes do CCA Ourense Centro escollerán o seu comercio favorito
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, presentaron esta mañá xunto con representantes do centro comercial aberto Ourense Centro a nova campaña de dinamización comercial Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, unha iniciativa coa que a Consellería de Economía e Industria reforza o comercio de proximidade ao tempo que incentiva as vendas nas vilas e cidades galegas, e que percorrerá os diferentes centros comerciais abertos de Galicia durante todo o ano.
Tal e como explicou a directora xeral de Comercio, no centro comercial aberto Ourense Centro os clientes dos comercios asociados recibirán durante o mes de abril por cada 5€ de compra un cupón para participar nun xogo en liña na web www.maisquecomercio.com, no que, votando ao seu establecemento favorito, poderán conseguir un premio en metálico de 200 euros e outros dous de 100, así como diferentes agasallos achegados polos comerciantes, como vales desconto, artigos téxtiles ou tratamentos de beleza. Ademais, ao remate do mes que durará a campaña, o establecemento escollido polos clientes que participen na iniciativa recibirá un recoñecemento público ao seu labor.
Un dos obxectivos desta nova iniciativa, que resalta os valores do comercio de proximidade, como a calidade, o trato ao cliente, a diferenciación e a variedade, é impulsar o asociacionismo, apoiando o traballo que desenvolven os centros comerciais abertos, unha fórmula que permite o desenvolvemento de estratexias comerciais e a prestación de servizos de forma conxunta no pequeno comercio para mellorar a súa competitividade.
Neste sentido, Sol Vázquez lembrou que está en fase de resolución o programa de apoios para as asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e as prazas de abastos, dotado con 2,2 millóns de euros, e do que o ano pasado se beneficiaron na cidade, ademais do CCA Ourense Centro, os centros comerciais abertos coruñeses Ourense Norte e Couto Centro, que acollerán tamén proximamente a campaña Máis que comercio.
Ademais, ata o 13 de abril poden presentarse solicitudes para a convocatoria de axudas coas que a Xunta apoia o labor que desenvolven as federacións de comerciantes e asociacións de ámbito superior ao municipal, por un total de 800.000 euros.
Tamén se fixo fincapé nos apoios de ata o 50% e ata 10.000 euros para a apertura de novos establecementos comerciais, un programa posto en marcha pola Consellería de Economía e Industria co que se incide no impulso ao emprendemento no tecido comercial, complementando as iniciativas fomentadas na nova Lei do Emprendemento e da Competitividade de Galicia, entre as que destacan a simplificación administrativa grazas á eliminación con carácter xeral das licencias municipais de obra e actividade. Estas axudas priorizan as iniciativas a desenvolver na provincia de Ourense, ao abeiro do plan Impulsa.











