Os cativos mosenses edúcanse en seguridade vial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+
Clases de seguridade vial en Mos

Clases de seguridade vial en Mos

Dende unha idade temperá, os nenos e nenas do municipio non son alleos ós accidentes de tráfico que cada día van en aumento, e é nestas idades cando é preciso transmitir boas actitudes como condutor, acompañante e especialmente como viandante, tendo en conta as peculiaridades que se presentan no noso Concello.

Conscientes desta situación, dende a concellería de Educación e Participación Cidadá, dirixida pola edil Kely Monzón, estase a levar a cabo un programa preventivo sobre Seguridade Vial, que comezou hoxe no CEIP de Atín dentro do horario lectivo, e conta coa inestimable participación de Helena, técnica especializada da DGT, e coa colaboración da Policía Local.

Os anteditos cursos van dirixidos ós alumnos/as da etapa de Educación Infantil de 5 anos e de 3º de Primaria dos centros educativos de Mos, e rematarán o día 18 de marzo.

Os centros que participan neste programa son os seguintes por orde de participación: CEIP Atín, CEIP Mestre Valverde Maio, CEIP Mestre Martínez Alonso, CEIP Petelos e CEIP Pena de Francia.

A edil responsable da mesma declarou que os obxectivos desta actividade son “fomentar entre o alumnado a conciencia cidadá e desenvolver hábitos que favorezan unha actividade viaria responsable, lograr que os cativos coñezan as principias señais de tráfico e aprendan a respectalas, fomentar actitudes responsables e seguras á hora de circular pola calzada, promover a autonomía persoal e tamén dar a coñecer o traballo da Policía Local como servizo de axuda”.

Nestas sesións reforzarase a figura do peón acompañado e a do cinturón de seguridade e dos sistemas de retención infantil, analizaranse os elementos da rúa, incidindo na identificación e diferenciación dos conceptos das beirarrúas, bordillo e calzada. Tamén se tratarán as normas de comportamento como viaxeiros de vehículos particulares e escolares.

O programa consta de catro sesións diferenciadas á hora de traballar cos alumnos/as, de xeito que estes/as vaian rotando por distintas actividades nas que se abordarán diversos aspectos da educación e seguridade vial. Ademais, en cada sesión os alumnos/as estarán acompañados por distintas figuras profesionais.

A primeira sesión consiste nunha charla explicativa acompañada de Power Point que será impartida pola experta da Dirección Xeral de Tráfico, María Helena Rodríguez García. Ademais disto, contarase co visionado de distintas películas sobre educación vial adaptadas ás idades dos/as alumnos/as, cos contos “Paseando con Antón e Jero”, “Fructuoso el más rumboso”, “Chus eo autobús”, elaborados pola DGT e “Un niño nuevo en el barrio”. Nesta exposición contarase coa participación dun policía local, que apoiará a actividade.

Na segunda sesión, gracias á colaboración dos policía locais, amósaselles aos alumnos/as os distintos vehículos oficiais para que poidan identificalos correctamente, diferenciándoos segundo os servizos que ofrecen, e saiban como dirixirse a eles.

Na terceira sesión os alumnos/as percorren un circuíto en triciclos, patinetes, e correpasillos como condutores, ou como peóns, tendo que respectar, en ambos casos, as diferentes sinais de tráfico.

A cuarta e última sesión consiste nuns obradoiros educativos. No desenvolvemento desta parte da actividade, os/as alumnos/as están acompañados pola educadora social do Concello que é a responsable de guiar a sesión, na que se trata de que os alumnos/as aprendan dun xeito divertido e ameno as condutas adecuadas na rúa, e interioricen actitudes responsables, a través da realización de puzzles, recortables, maquetas, fichas con sopas de letras, contos, etc.

10 de marzo de 2014 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.