Os alumnos do colexio Los Sauces en Mos practicarán natación no propio centro

Inauguración da piscina nas instalacións do colexio Los Sauces
O Colexio Los Sauces inaugurou esta mañá a súa nova piscina climatizada. Unha obra que ven a complementar as instalacións deportivas do centro que, entre outras características, fixeron que se convertese nun colexio referente no ámbito educativo galego.
O acto celebrado hoxe en Los Sauces estivo presidido por Nidia Arévalo, alcaldesa do Concello de Mos, termo municipal onde se asenta o colexio. Ademais tamén estiveron presentes o Director Xeral da Institución Educativa Los Sauces, Gonzalo Otero, a Subdirectora Xeral, Pilar Sainz González, o adxunto á Dirección Xeral, José Antonio Rois e o director do Colexio Los Sauces de Mos, Rodolfo Villalba. Entre as autoridades políticas aistentes a este evento da comunidade educativa atopáronse tamén a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Mª José Bravo Bosch, a deputada Provincial Marta Iglesias; o tenente alcalde e concelleiro mosense de Facenda, Patrimonio e Formación e Emprego, Óscar Soto, e a edil, tamén do Concello de Mos, de Urbanismo e Medio Ambiente, Julia Loureiro.
A Institución Educativa Los Sauces reforza coa inauguración desta piscina o seu compromiso de ofrecer as mellores instalacións educativas aos centos de alumnos que cada curso pasan polas súas aulas. A práctica dos deportes é un dos sinais de identidade de Los Sauces como o viñeron demostrando os seus alumnos nas numerosas disciplinas deportivas nas que participan. A partir deste momento os alumnos do colexio poderán incorporar a natación dentro da materia de Educación Física. O número de horas desta nova práctica deportiva variará en función das idades e os cursos dos alumnos. Ademais, tamén se poderá realizar esta actividade como materia extraescolar.
Durante a súa intervención na inauguración celebrada hoxe a rexedora local mosense destacou o papel xogado por Mos en termos educativos, que sitúa ó municipio nun lugar destacado entre o resto dos da provincia de Pontevedra por contar con 5 colexios públicos de Educación Infantil e Primaria (CEIP Petelos, CEIP Pena de Francia, CEIP Atín-Cela, CEIP Mestre Martínez Alonso en Castro-Mos e CEIP Mestre Valverde Maio en Sanguiñeda), 2 Escolas Infantís públicas (Escola Infantil da Porteliña e Escola Infantil de Cototorrón), un Instituto público (IES de Mos) e 3 centros privados (Los Sauces, O Castro International School e Colexio Lar). 11 centros educativos en total no Concello de Mos.
Por outra banda Arévalo agradeceulles tamén ós pais de alumnos de Los Sauces que elixiran este colexio asentado en Mos para confiarlle a formación educativa dos seus fillos, sobre os que augurou que “de seguro serán futuros grandes homes e mulleres cidadáns da área metropolitana de Vigo”. Das novas instalacións deportivas a alcaldesa gabou a súa altísima calidade e a función para a que irán destinadas, que non é outra que a de cubrir todas as expectativas do alumnado en materias de deporte, ocio e tempo libre.
Pola súa parte a deputada provincial, Marta Iglesias, calificou ó Colexio Los Sauces coma un referente na formación de nenos e xoves de Vigo e a súa área; e o director do centro de Mos, Rodolfo Villalba, lembrou e celebrou que ademais de inaugurarse hoxe unha piscina climatizada, neste ano 2014 Los Sauces-Mos cumpre 20 anos.
O Colexio Los Sauces imparte Educación Infantil dende os 3 anos ata segundo curso de Bacharelato. Contempla programas novidosos de estimulación temperá, psicomotricidade, música e idiomas para garantir un desenvolvemento harmónico dos nenos. Ademais, o centro incorporou un programa de Intelixencia Emocional co fin de conseguir un progreso axeitado dos seus alumnos tanto no ámbito escolar coma no seu desenvolvemento persoal. No capítulo de idiomas destaca o centro propio en Dublín, Brook House Los Sauces, onde acoden os estudientes do de Mos un mes do curso escolar para vivir unha inmersión completa no inglés.











