Os alumnos do Ceip Espiñeira visitan a Casa do Concello de Cangas

Visita dos estudantes ao Consistorio
Os alumnos de 3º, 4º ,5º e 6º de primaria visitaron a Casa do Concello na que foron recibidos polo concelleiro de Facenda Pío Millán no Salón de Plenos Municipal. Os escolares acudiron ao Concello despois de gozar dunha visita turística guiada gratuíta polo casco histórico da vila na que puideron coñecer de cerca a riqueza do patrimonio histórico e artístico de Cangas no que destacan monumentos como A Capela do Hospital ou a excolexiata.
O edil de Facenda explicou aos estudantes o funcionamento e o traballo que se desenvolve dende a administración local así como enumerou algúns dos servizos que son ofrecidos polo Concello de Cangas. Os alumnos e alumnas do centro público tiveron a oportunidade de cuestionar ao concelleiro sobre diferentes asuntos do seu interese. Unha das preguntas versou sobre cal foi a obra máis importante acometida no municipio recentemente que Millán identificou coa construcción da nova subestación eléctrica na Madalena e que “estará en funcionamento a finais do mes de abril” destacando a inversión de máis de 7 millóns de euros que supuxo esta actuación. Tamén houbo preguntas sobre as obras pendentes de executarse no Concello, ás que o edil respondeu enumerando algunhas das actuacións que vai a desenvolver o goberno municipal na parroquia de Aldán como o pavimentado e acondicionamento da vía Espiñeira- Areacova e do coñecido como Camiño da Costa así como outros actuacións de mellora do Paseo dos Muíños e da Finca do Arco. Tamén houbo preguntas sobre parques infantís, melloras nas instalacións do colexio e incluso sobre a diferencia da idade mínima para traballar de 16 anos e a idade mínima para exercer o dereito ao voto entre outras.
Os estudantes remataron a visita cun percorrido polos distintos departamentos municipais finalizando nas dependencias da Policía Local onde os rapaces e rapazas puideron coñecer de primeira más algún dos vehículos de traballo utilizados por este servizo municipal.











