Os alcaldes da comarca reúnense no Carballiño para apoiar a creación dun grupo de emerxencias comarcal

Reunión dos alcaldes no Carballiño
Todos os alcaldes da comarca apoiaron, na reunión convocada polo máximo rexedor carballiñés Argimiro Marnotes, crear un grupo de emerxencias de carácter comarcal e, mesmo de forma permanente con independencia da posta en marcha do Parque de Bombeiros. A esta conclusión chegouse tras escoitar as explicacións do coordinador de Protección Civil do Carballiño, Juan Míguez, e as xestións realizadas polo alcalde carballiñés ante todas as institucións para conseguir un grupo destas características.
O obxectivo, unha vez finalizada a reunión, quedou claro, contar cun grupo de emerxencias con actuación en todos os concellos da comarca, e mesmo contando con concellos que non teñen este tipo de servizos nin parque de bombeiros, aínda que non pertenzan a esta comarca.
Para logralo iniciaranse unha serie de reunións tanto coa Xunta de Galicia como coa Deputación, para buscar vías de financiamento que axuden a formar este grupo. Unhas axudas que poderían cambiar desde que se abrise o Parque de Bombeiros.
Estas reunións serán solicitadas o máis pronto posible para non dilatar no tempo a actual situación da comarca en materia de emerxencias.
Á reunión acudiron os alcaldes de Punxín, Piñor, Maside, O Carballiño, Boborás, e San Amaro, escusando a súa presenza os de Beariz, Irixo e Cea, aínda que apoiando a decisión que se adoptase na mesma, e tamén o concelleiro de seguridade do concello do Carballiño.











