Oroso formaliza a cesión gratuíta dos terreos nos que se levantan os nichos do cemiterio da Penela
“Hoxe damos por rematada unha situación que vén do 1993, á que nos custou moito atoparlle unha solución legal sen que supuxera desembolso de cartos para os veciños e que custou moito traballo sacar adiante, pero que pagou a pena só por ver as caras de satisfacción dos propietarios dos nichos do cemiterio da Penela”. Así resume o alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, o acto de formalización da cesión gratuíta dos terreos nos que se asentan os nichos e columbarios do cemiterio da Penela aos seus lexítimos propietarios, celebrado esta mañá no centro cultural de Sigüeiro.
Algo máis de douscentos veciños e veciñas da parroquia de Oroso acudiron ás 11:00 horas de hoxe sábado para asinar os documentos que acreditan as súas propiedades. Un procedemento que se levou a cabo durante algo máis de dúas horas. Por orde alfabética, os propietarios foron chamados a asinar os documentos, previa identificación co DNI e previa comprobación de que o nicho/columbario estaba correctamente recollido no plano entregado. Unha vez asinado e cuñado polos funcionarios municipais, os documentos de cesión foron ratificados tanto polo alcalde como polo Secretario do Concello de Oroso. O Concello quedou cunha copia e os propietarios con outra.
Resto de documentos
A gran maioría dos 168 escritos de cesión foron entregados ao longo da mañá. A vintena restante poderá recollerse no Concello de Oroso durante as próximas semanas, ben porque o titular non estaba presente, ben por faltar algún dos propietarios nos casos de multipropiedade. En ambos casos, Mirás recomendoulles “avisar previamente no Concello, xa que o documento ten que se asinado conxuntamente polo alcalde e polo Secretario”. Por último, Mirás Franqueira lamentou que “nun día tan importante para os veciños e veciñas de Oroso non houbera presenza algunha da oposición municipal, aínda que non me sorprendente despois de ver como no pleno eran quen de votar en contra dunha decisión adoptada por unanimidade dos veciños”.
Mirás Franqueira lembrou que o título entregado hoxe aos veciños “é válido a todos os efectos, porque é expedido polo Concello e está asinado por un feudatario público como é o Secretario do Concello” e insistiu en que “esta é a mellor fórmula posible sen meter en gastos aos veciños”. Así mesmo, lembroulles que deste xeito “os veciños de Oroso teñen a seguridade de que no cemiterio da Penela non se toca e que en herdanza poden deixarlle a súa propiedade a quen queiran”. Por iso, felicitou expresamente ao Secretario do Concello de Oroso por ter atopado este acomodo legal, “que conta co total respaldo da Xunta de Galicia”, lembrou o alcalde orosán.
Longo procedemento
Deste xeito dáse unha feliz solución a un conflito iniciado en 1993 e que remata co Camposanto da Penela como cemiterio rural particular, cumprindo así o desexo inicial dos seus promotores, é dicir, dos veciños e veciñas de Oroso. A problemática legal radicaba na titularidade da parcela 1202 do polígono 5 do plano xeral de concentración parcelaria de Oroso, Gándara, Deixebre e Trasmonte (cemiterio da Penela). Ao proceder da parcelaria, a parcela era propiedade da Xunta de Galicia, que quixo cederlla á parroquia de Oroso. Sen embargo, non puido facelo porque as parroquias non teñen personalidade xurídica e non poden ter propiedades ao seu nome. Ante esa situación, a Xunta cedeu a titularidade da parcela ao Concello de Oroso.
O Concello de Oroso modificou entón a cualificación xurídica do camposanto da Penela (marzo de 2013), desafectándoo do dominio público e cualificándoo como ben patrimonial. Posteriormente, en setembro de 2013, e logo dunha asemblea na que se obtivo o apoio do 97% dos propietarios dos nichos, o pleno municipal aprobaba a cesión gratuíta da parcela do camposanto da Penela (Oroso) á asociación de veciños “Orosinos”, integrada polos propietarios dos panteóns deste cemiterio, por un período de 75 anos prorrogables para fins e servizos de cemiterio rural particular.
Dende agora, os donos dos panteóns serán quen xestionen o cemiterio da Penela, a través da súa asociación. O Concello non ten xa ningún poder de decisión en canto á xestión do cemiterio, pese a que a parcela sega ao seu nome por normativa legal. Serán os donos dos panteóns os que, a través da asociación, asumen dende hoxe o mantemento e xestión do recinto. De non facer este cambio, o camposanto da Penela tería que ter pasado a ser municipal, polo que tería que ser xestionado en réxime de concesión tal e como se está a facer co camposanto municipal de Marzoa.











