Oroso disporá de 250.000 euros adicionais para investimentos procedentes do remanente de tesourería positivo do 2013
O Concello de Oroso disporá de 250.000 euros adicionais para investimento grazas ao remanente de tesourería positivo correspondente ao exercicio 2013, incluído na liquidación do Orzamento de 2013 e que será aprobado na sesión plenaria ordinaria deste xoves. Un cuarto de millón de euros que se sumarán aos case 1,4 millóns de euros destinados a investimentos reais nos orzamentos de 2014, cuxa aprobación definitiva foi publicada hoxe martes polo BOP.
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, asegura que estes resultados “son froito da boa xestión realizada no Concello de Oroso, reducindo gastos superfluos e potenciando os investimentos produtivos. Unha senda que puxemos en marcha hai cinco anos e que permitirá que ao longo de 2014 poidamos realizar numerosos proxectos para disfrute dos veciños e veciñas de Oroso”.
Informe de Intervención
O informe de Intervención sobre a liquidación do Orzamento 2013 recolle que o Concello de Oroso conta cun remanente líquido de tesourería de 489.768,38 euros, así como un total de 157.427,61 euros de saldo de dubidoso cobro. “Unha cantidade que incluímos como saldos de dubidoso cobros polo principio de prudencia contable pero que, de materializarse, poderían supoñer uns importantes ingresos para o Concello de Oroso”, sinala Manuel Mirás.
O interventor municipal recolle que “o remanente líquido de tesourería para gastos xerais é positivo nunha contía de 270.519,23 euros e constitúe unha boa noticia para as finanzas do Concello”. Desta cantidade, o Concello de Oroso destinará algo máis de 20.000 euros ao financiamento de obrigas pendentes de aplicar ao orzamento e os outros 250.000 euros a investimentos produtivos. “Xa estamos comezando a preparar os proxectos para executalos ao longo deste ano 2014”, adianta Manuel Mirás.
O alcalde orosán tamén se amosa satisfeito polo nivel de execución do orzamento de 2013, que ascende ao 89,72% (en materia de ingresos) e ao 86,81% (en materia de gastos). “Son uns niveis de cumprimento moi elevados que demostran que os orzamentos que presentamos no Concello de Oroso son axustados á realidade, que a nosa xestión está sendo moi positiva e que continuamos coa boa senda posta en marcha hai catro anos”, apunta.
Un exemplo da boa xestión económica levada a cabo no Concello de Oroso nos últimos anos é que non dedicou nin un só euro do Plan de Obras e Servizo da Deputación a gasto corrente, senón que destinou todo a obras. “Incluso hai dous anos aprobamos unha achega municipal de 180.000 euros adicional para facer máis obras para disfrute dos nosos veciños e veciñas, algo que superaremos en 2014 pois o investimento superará os 250.000 euros”, conclúe Manuel Mirás.
A falta de detallar a relación de proxectos a realizar con ese cuarto de millón de euros, a normativa establece que esas iniciativas deberán estar relacionadas con saneamento, abastecemento ou distribución de auga; recollida, eliminación e tratamento de residuos; alumeado público; mellora do medio ambiente e de estruturas agropecuarias; investimentos produtivos en materia de industria, enerxía, comercio ou promoción turística; infraestruturas de transporte; investigación científica; sociedade da información; protección do patrimonio; así como arranxo de estradas, camiños, parques e xardíns.
Aprobación definitiva dos orzamentos 2014
Por outra banda, o BOP de hoxe publica a aprobación definitiva dos orzamentos municipais do Concello de Oroso para 2014, que ascenden a 5.183.918 euros, un 6,33% máis que no exercicio anterior, e destinan case 1,4 millóns de euros a investimentos reais, un 25,68% máis. Así, a partida de investimentos do Capítulo 6 ascende a 1.230.245 euros, 285.108 euros máis que en 2013. Unha partida á que hai que engadirlle os 164.000 euros consignados polo Concello de Oroso para a construción da nova gardería municipal.
No capítulo de gastos, os orzamentos municipais de 2014 contemplan unha lixeira baixada dos gastos de persoal (1,27 millóns de euros fronte aos 1,28 millóns do exercicio anterior) e un incremento de 19.000 euros no capítulo de gasto corrente, que chega aos 1,93 millóns de euros. Un incremento que se xustifica tanto pola subida da electricidade e dos combustibles como polo incremento da utilización dos locais sociais que o Concello de Oroso está a adecentar nas distintas parroquias. Pola contra, os gastos financeiros redúcense en 11.000 euros e contémplanse unhas transferencias correntes de 68.000 euros á Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes para o mantemento dos servizos sociais.











