Oroso conmemora o Día Internacional do Libro Infantil cunha sesión especial de contacontos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O Concello de Oroso conmemora este mércores 2 de abril o Día Internacional do Libro Infantil cunha sesión especial de contacontos en colaboración coa Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). Unha sesión que será dirixida pola compañía Xandobela e que terá lugar ás 18:00 horas na sala infantil do centro cultural de Sigüeiro. A asistencia é totalmente de balde, se ben é preciso anotarse antes na propia biblioteca municipal de Sigüeiro ou no teléfono 981 690 903.

Durante a actividade darase lectura á “Carta aos nenos/as do mundo”, da escritora Siobhán Parkinson, quen explica que “todo lector dunha historia ten algo en común cos outros lectores desa mesma historia. Separadamente, aínda que tamén dalgunha maneira xuntos, eles recrearon a historia na súa propia imaxinación: unha acción que é tanto privada como pública, individual como común, íntima como internacional. É posiblemente o que os humanos fan mellor. Seguide lendo!”.

Animación á lectura

Paralelamente, o Concello de Oroso manterá o seu programa de animación á lectura, se ben con certos cambios motivados polas vacacións de Semana Santa. Así, as sesións de contacontos dos sábados terán este mes a temática “Ratos, ratiñas e as súas cousiñas” e celebraranse os sábados 5, 12 e 26 de abril, ás 11 horas. Tamén cambiarán de horario o club de lectura, que este mes se reunirá o venres 11 de abril, ás 18:00 horas; e o obradoiro “A rebotica dos contos”, que este mes celebrarase o xoves 24 de abril, ás 18:00 horas. Todas as actividades son de participación libre e de balde, previa anotación na biblioteca municipal

Por último, e de cara á celebración do Día do Libro, o mércores 23 de abril terá lugar a presentación de “O soño do rato”, un contaconto da man de Olga Abad que mestura a narración oral con sombras chinesas e monicreques. A asistencia é totalmente libre e de balde, previa inscrición na biblioteca municipal de Sigüeiro ou no teléfono 981 690 903

31 de marzo de 2014 | 18:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.