Oroso aproba, definitivamente, os orzamentos para 2014 que ascenden a 5,18 millóns de euros
O pleno municipal de Oroso aprobou esta mañá definitivamente os orzamentos municipais para 2014, logo da desestimación das alegacións presentadas polo PP e polo Partido Galeguista (PG). Unha desestimación aprobada cos únicos votos do Grupo de Goberno, xa que o resto da oposición abandonou a sesión sen dar explicacións durante a votación dunha proposta do PG para que aprobación do orzamento quedase sobre a mesa.
Un abandono que o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, cualifica como “unha representación teatral, unha pantomima que xa tiñan pensado representar hoxe no salón de plenos, tal e como lle adiantaron a algún medio de comunicación esta mesma semana”. Neste sentido, o alcalde orosán considera que “o da xustificación da urxencia da sesión non é máis ca unha mala excusa, o certo é que esta representación xa estaba preparada de antemán porque o único que pretende é tratar de entorpecer a normal marcha deste Concello e prexudicar aos seus veciños”.
Alegacións
O pleno comezou coa ratificación da urxencia da convocatoria, na que o alcalde preguntou aos grupos municipais se tiñan algunha consulta ou intervención sobre a urxencia da sesión. Ante a negativa de todos os grupos, a urxencia foi aprobada cos 7 votos a favor do grupo de Goberno fronte os 6 votos en contra de PP, PG e BNG.
Acto seguido, o alcalde abriu o segundo punto da orde do día, “Aprobación definitiva do orzamento municipal correspondente ao exercicio de 2014”, e explicou que había dúas alegacións presentadas por PP e PG, polo que convidou ao Partido Popular a defender a súa alegación. O voceiro popular, Xosé Manuel Balado, rexeitou defendela, polo que a quenda pasou ao voceiro do Partido Galeguista, Manuel Siverio Mirás. O voceiro do PG ratificouse na súa alegación e pediu que o orzamento quedase sobre á mesa ao entender que “non se contestou á alegación e a Comisión de Contas non dictaminou sobre as alegacións”.
Ao abrirse a quenda de debate, o voceiro do BNG, Xosé Manuel Pérez, non entrou no tema das alegacións senón que deu lectura a un breve comunicado no que aseguraba que o alcalde debe xustificar a urxencia no propio pleno “ou sería nulo de pleno dereito”. Mirás Franqueira explicou que a xustificación da urxencia era porque o Interventor tiña que presentar uns informes o vindeiro 25 de marzo. Unha explicación que o PP non aceptou porque “a urxencia ten que xustificala vostede antes”, explicou Xosé Manuel Balado.
Entorpecer o Concello
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, recoñece que “non intervín para xustificar a urxencia porque sei que todos os presentes coñecían de sobra as razóns. Pode que cometese un erro ao non seguir o procedemento ao pé da letra pero a actitud demostrada hoxe pola oposición demostra que non teñen outro interese máis aló que entorpecer a marcha do Concello e prexudicar aos veciños”. Neste sentido, Mirás lembra o feito de que ambos grupos da oposición presentaron as súas alegacións nas últimas horas de prazo. “Semella que o único interese da oposición é retrasar o máximo posible a entrada en vigor dos novos orzamentos e retrasar así a posta en marcha todos os proxectos a prol da veciñanza de Oroso, nun ano no que os investimentos reais medran en máis dun 25%”, lembrou Mirás Franqueira.
En resposta á alegación presentada por Siverio Mirás, o alcalde orosán deu lectura ao Informe de Intervención que especifica: “neste escrito faise referencia a expedientes e informes desta Intevención que non so obxecto deste expediente, así como a incumprimentos de normativa que, a falta de maior concreción, non é posible contestar”. Manuel Mirás explicoulle ao voceiro do PG que “o que puxo na alegación non ten que ver co orzamento” pero recoñeceulle que “cando menos vostede defende a súa moción”. Neste sentido, asegurou que “é sorprendente que o PP presente unha alegación e agora non a defenda, ou ben non a fixeron vostedes ou o único que buscaban era retrasar a aprobación dos orzamentos”. Un exemplo desta actitude figura nas propias alegacións presentadas sobre supostos desfases nas previsións de ingresos. Concretamente, o PP considera non axeitadas as previsións de ingresos do imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana, estimados en 180.000 euros, cando os dereitos recoñecidos por este concepto no 2013 foron de 178.931,91 euros.
De feito, a conclusión do Informe de Intervención así o demostra: “de conformidade cos antecedentes de feito e dereito expostos, as reclamacións presentadas non entran nos supostos establecidos pola Lei Reguladora de Facendas Locais e por tanto procedería a súa desestimación. É este o meu informe que elevo o Pleno da Corporación, non obstante, este poderá actuar como estime oportuno”.
Acto seguido, o pleno municipal votou a proposta do PG de que os orzamentos quedasen sobre a mesa, que foi rexeitada cos 8 votos en contra do Grupo de Goberno e do BNG fronte ao único voto a favor do propio PG. Ao preguntar o Secretario polo sentido do voto do PP, o voceiro municipal respondeu que non eles non votaban. Ante esta situación, o alcalde de Oroso explicou que non votar non era unha opción e que entendíase que eles se estaban abstendo. Ao insistir os populares en que eles non votaban neste punto, Manuel Mirás lamentou “a falta de educación” dos concelleiros do PP ante unha proposta do PG e lembroulles que “estamos nun salón de plenos, non nunha taberna”.
Nese intre, os 4 concelleiros do PP e o concelleiro do BNG erguéronse da mesa e abandonaron o salón de plenos, sen xustificar os motivos da súa marcha. Unha vez rematada a votación da petición do Partido Galeguista, o concelleiro do PG tamén abandonou a sesión antes da votación final das alegacións e da aprobación definitiva dos orzamentos municipais.
Orzamentos municipais
Os orzamentos municipais do Concello de Oroso para 2014 ascenden a 5.183.918 euros, un 6,33% máis que no exercicio anterior, e destinan case 1,4 millóns de euros a investimentos reais, un 25,68% máis. Manuel Mirás entende que as boas cifras destes orzamentos e os bos resultados que adiantan a liquidación do orzamento de 2013 son o que motivan as queixas da oposición. Neste sentido, preguntase “como poden falar dende o PP de gastos irreais cando o cumprimento do orzamento de 2013 foi do 88% nos ingresos e do 86% nos investimentos”.











