Oroso abre o prazo para presentar candidaturas á primeira edición da Gala da Cultura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O Concello de Oroso vén de convocar a primeira edición da Gala da Cultura, unha iniciativa coa que pretende recoñecer o mérito de persoas, entidades, asociacións ou empresas que destaquen no ámbito cultural. Uns recoñecementos que contarán con cinco categorías: premio á Traxectoria durante o ano 2013, premio á Traxectoria de toda unha vida profesional no eido da cultura, premio á Promesa 2013 (que despunte nalgunha categoría ou disciplina artística), premio á Asociación/Entidade que en 2013 potenciase a cultura en Oroso e premio á Empresa que apoie a cultura.

Calquera veciño ou entidade de Oroso pode presentar os seus candidatos ou candidatas, sempre que o faga antes do 3 de abril no Rexistro do Concello de Oroso, non solicite o premio para si mesmo (ou para o grupo que represente) e que o seu candidato pertenza ao ámbito municipal de Oroso. Para presentar o candidato deberá encher o formulario de inscrición, así como presentar unha memoria que detalle o labor desenvolto polo nominado ou nominada e que recolla os seus méritos. Máis información sobre as bases e formulario de inscrición na web municipal (www.concellooroso.com) ou no centro cultural de Sigüeiro.

A resolución do xurado darase a coñecer durante a celebración da I Gala da Cultura, que terá lugar o venres 11 de abril, ás 20:00 horas, no Centro Cultural Fernando de Casas e Novoa de Sigüeiro. Os premios non terán dotación económica algunha, xa que os galardoados recibirán un placa e un diploma como recoñecemento á súa labor cultural.

13 de marzo de 2014 | 19:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.