Oroso abre o prazo de inscrición para o programa de conciliación “Diver Primavera”
O Concello de Oroso abriu hoxe mércores o prazo de inscrición no programa de conciliación familiar “Diver Primavera”, dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos e que terá lugar nas instalacións do CEIP de Sigüeiro os días 14, 15, 16 e 21 de abril, coincidindo coas vacacións escolares de Semana Santa. Unha iniciativa de conciliación familiar coa que o Concello de Oroso pretende ocupar os pequenos con actividades lúdicas e educativas, ao tempo que lles ofrece aos seus pais e nais unha alternativa para facilitarlles a conciliación da vida laboral e familiar durante as mañás deses catro días de vacacións escolares.
A temática escollida este ano é “Xogos e trebellos” e pretende que os nenos e nenas de Oroso se divirtan utilizando xogos e xoguetes propios da cultura galega. O concelleiro de Ensino, Antonio Leira, explica que “cada día presentarase un xogo en particular como a ra, a corda ou os zancos, pero tamén potenciaremos que os pequenos comprendan un dos aspectos máis importantes do xogo tradicional: xogar co que temos a man. Por iso participarán en obradoiros de xoguetes nos que utilizarán materiais de refugallo ou sinxelos de conseguir para que se decaten de que para pasalo ben non é indispensable dispoñer de novas tecnoloxías ou de xoguetes especialmente caros”.
Ata o 2 de abril
O prazo para apuntarse estará aberto ata o vindeiro 2 de abril no centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro ou no teléfono 981 69 09 03. Consciente da difícil situación económica que están a pasar as familias, o Concello de Oroso decidiu non incrementar os prezos deste programa, que se manteñen entre os 20 e os 50 euros dependendo do número de horas nas que o rapaz participe na actividade (5 ou 8 horas) e de se queda ou non a xantar. Uns prezos que poderán abonarse a través da páxina web (www.concellooroso.com).
O Concello de Oroso ofrecerá dous horarios: de 7:30 a 15:30 horas e de 9:00 a 14:00 horas, para que os pais poidan elixir aquel que mellor se adapte ás súas necesidades. No caso da quenda de 7:30 a 15:30 horas, os prezos son de 32 euros (sen xantar) e de 50 euros (con xantar). No caso da quenda de 9:00 a 14:00 horas, as cotas son de 20 euros (sen xantar) e de 38 euros (con xantar).











