Organización das Feiras do Carballiño
O alcalde do Carballiño mantivo unha reunión cos representantes do Ampa do Sacro Corazón, para falar sobre a reorganización da Feira na praza do citado colexio. Argimiro Marnotes anunciou aos pais e nais de alumnos do citado centro que xa se realizaron varias modificacións na localización dos postos en devandita praza, creándose nas últimas feiras xa unha vía de máis de 5 metros de anchura, e aliviándose de obstáculos os accesos desde a Praza Maior. Unha imaxe que xa puido verse nestes últimos meses, ao quedar a praza moito máis despexada de postos de venda.
Nestes momentos só queda por reorganizar os postos da rúa que une a praza dos Irmáns Prieto (coñecida como a praza das monxas) coa avenida de Xullo Rodríguez Soto, para ofrecer tamén un paso amplo por onde puidesen pasa, en caso de necesidade, vehículos de emerxencia.
O alcalde tamén comentou aos representantes do Ampa que “os cambios nas feiras son lentos, xa que só podemos facelos dúas veces ao mes, cando veñen os postos de venda ambulante, non obstante esta praza podería quedar resolta nun par de meses”. Coincide que nestas semanas están a renovarse as licenzas para os profesionais da venda ambulante que queiran participar nas feiras carballiñesas, polo que xa se aproveitará para falar da reorganización dos postos.











